Impulsan novas intervencións arqueolóxicas en Tambo para afondar na súa historia

Wait 5 sec.

As sondaxes arqueolóxicas regresarán á illa de Tambo. As autoridades queren seguir avanzando na divulgación deste enclave e, para iso, hai que saber ben que pasou alí. Por ese motivo, a Xunta de Galicia e o Concello de Poio están a impulsar unha nova intervención coa que buscan afondar no coñecemento histórico deste espazo. En función dos resultados obtidos, definiranse novas áreas de intervención. Os traballos que executa a empresa Tempos Arqueólogos inclúen prospeccións e sondaxes en distintos puntos para ampliar a información sobre a evolución da illa ao longo dos séculos. Entre as actuacións xa realizadas destaca unha sondaxe no interior do antigo lazareto. Esta intervención arqueolóxica permitirá documentar as técnicas de construción do edificio, así como entender a disposición do espazo e os diferentes procesos de abandono que levaron ao estado actual do edificio. Ademais do lazareto, os arqueólogos farán sondaxes tamén na capela e na praia. Tamén está prevista a execución de labores de topografía e fotogrametría 3D dos restos e estruturas conservadas, a instalación dun cartel interpretativo sobre o patrimonio da illa e a elaboración dun proxecto arqueolóxico completo. O programa complétase con accións de divulgación para dar a coñecer á cidadanía os avances e resultados destes traballos. Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que financia o 100% dos traballos, cun orzamento total que ascende a preto de 30.000 euros.