A asociación cultural Carracedo Fala presentou no Rexistro do Concello de Caldas de Reis máis dun milleiro de sinaturas coas que pide ao Ministerio de Transportes a creación de dous pasos de peóns seguros na confluencia do Camiño de Santiago coa N-550, un punto especialmente delicado polo intenso tránsito veciñal e o continuo paso de peregrinos. A iniciativa non se quedará só no rexistro xa que esta asociación defenderá este mes a súa proposta no pleno municipal, co obxectivo de sumar o apoio unánime de todos os grupos políticos e reforzar así a petición ante o Goberno central. As peticións proceden tanto da propia veciñanza que cruza a estrada a diario como de peregrinos que percorreron o Camiño Portugués, máis de 90.000 ao ano segundo os últimos datos oficiales. Todos eles enfróntanse á falta de pasos de peóns obrígaos a cruzar a nacional "ás bravas", como denuncia o colectivo. Nos dous quilómetros de estrada que atravesan a parroquia só existe un paso de peóns, no Gorgullón "é claramente insuficiente", sostén a directiva de Carracedo Fala. A asociación lembra que esta carencia non só divide en dous a parroquia, senón que tampouco garante un itinerario seguro para os peregrinos que seguen a ruta xacobea. A demanda é un paso de peóns no Cruceiro, á altura do quilómetro 93 da N-550, e outro en Casalderrique, no quilómetro 92. Ambos puntos, aseguran, contan con "visibilidade máis que suficiente" para habilitar estas infraestruturas. "Non nos corresponde decidir as solucións técnicas, pero isto é un asunto de vida ou morte. As escenas que se viven diariamente son perigosas e poden rematar en fatalidade", advirten. Desde a asociación confían en que o pleno municipal avale por unanimidade a súa reclamación. "Falamos dun tema de seguridade cidadá que vai máis alá das ideoloxías", sinalan dende esta asociación "é unha cuestión de puro sentido común", conclúen.