Tres días, entre o 30 de xullo e o 1 de agosto, para vibrar co SonRías Baixas 2026

Wait 5 sec.

O verán en Bueu volverá resoar ao ritmo da música que marcará un dos principais festivais que se celebran en Galicia, o SonRías Baixas. A organización anunciou as datas para a súa edición de 2026, que volverá celebrarse durante tres días, do xoves 30 de xullo ao sábado 1 de agosto, no recinto das Lagoas. Tras un ano no que superou todas as súas marcas de asistencia, con máis de 33.000 espectadores, os organizadores están a ultimar todos os detalles para o seu regreso. Así, avanzan que o próximo 15 de decembro darase a coñecer o primeiro avance do cartel. Nel, garanten que se manterá a filosofía do festival, é dicir, unha programación diversa e inclusiva, deseñada para ofrecer unha experiencia única e nunha contorna excepcional. A preventa de entradas estará dispoñible durante 48 horas, a partir do sábado 13 de decembro, mentres que a venda xeral comezará o mércores 17 de decembro. As entradas poderanse adquirir en sonriasbaixas.info e en Enterticket.es. O SonRías Baixas, que cumpriu 22 anos en 2025, estivo marcado o pasado verán polos concertos de La Raíz, Dani Fernández, Carolina Durante, Judeline, Delaporte e Sen Senra. A resposta do público reforzou a identidade deste festival como un espazo de encontro aberto onde conviven propostas musicais de distintos xéneros, traxectorias e sensibilidades e onde se pode gozar da música sen barreiras nin prexuízos.