O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra celebrou este xoves un xuízo contra unha muller acusada dun delito de atentado contra a autoridade por agredir presuntamente a unha axente da Policía Nacional. A Fiscalía solicita para ela 2 anos e 2 meses de prisión e o pago de 185 euros en concepto de responsabilidade civil á axente lesionada. No banco sentou Lady Diana, unha moza de orixe brasileira coñecida na cidade por ser unha "gorrilla", vivir en situación de rúa, protagonizar episodios violentos e polo seu característico turbante. Actualmente atópase en prisión provisional para garantir a súa comparecencia. Entrou na sala esposada e, aínda que pediu que se lle retirasen os grilletes, os axentes que a custodiaban desaconsellaron facelo. Segundo o relato dos dous policías intervintes, os feitos ocorreron o 3 de maio de 2024, ao redor das 19:30 horas. Unha chamada cidadá alertou de que unha muller cun pano na cabeza estaba a lanzar obxectos contra a fachada do supermercado Gadis da rúa Oliva. A patrulla localizou á sospeitosa na praza de San Xosé. Cando unha das axentes dispúxose a identificala, a muller abalanzouse sobre ela, propinoulle unha puñada na fronte e gritoulle insultos. Durante a inmovilización posterior, a acusada tamén cuspiu na cara á axente. "Fue muy sorpresivo", declarou un dos policías, que engadiu que non apreciaron signos de consumo de alcol ou drogas nese momento. Lady Diana declarouse non culpable, aínda que optou por non declarar ante o tribunal. A acusada é reincidente, con tres condenas previas por atentado contra axentes da autoridade. Na vista oral declarou tamén unha perito forense que elaborou un informe psiquiátrico sobre a procesada. Explicou que padece un trastorno de personalidade que provoca episodios de "brusca ruptura de su biografía", nos que deixa de comportarse segundo os seus patróns habituais, especialmente cando consome alcol ou drogas. Estes episodios afectan á súa capacidade de control da conduta, pero non alteran as súas facultades intelectivas nin volitivas cando non hai consumo de sustancias. A especialista trazou ademais un perfil vital marcado pola precariedade e episodios traumáticos, entre eles un parto na rúa durante o cal a muller sufriu unha grave hemorraxia. Sinalou que nunca recibiu tratamento psicolóxico ou psiquiátrico. "Comprende la gravedad de los hechos, pero actúa con total indiferencia", indicou a forense. A defensa solicitou a absolución, alegando unha eximente completa derivada dun "trastorno esquizofrénico" e reclamou que, en caso de condena, se lle impoñan medidas que permitan á muller acceder a tratamento e "tener un control de su enfermedad". Tras o xuízo, o tribunal celebrou unha vista separada para revisar a situación de prisión provisional. A Fiscalía pediu o seu mantemento en prisión, ao considerar "altamente probable" o risco de fuga ante unha "previsible sentenza condenatoria" e para evitar novas agresións. O Ministerio Público lembrou que a acusada ten outra causa aberta por agredir a un transeúnte e que se están incoando seis dilixencias máis por outras agresións na vía pública. A defensa, pola súa banda, reclamou a súa posta en liberdade, argumentando que Lady Diana carece de medios para fuxir e que a suposta reiteración delituosa é só "hipotética". O caso quedou visto para sentenza.