Paso en firme para a derriba dos catro chalés militares abandonados na rúa Rosalía de Castro, á beira da entrada ao colexio Juan Sebastián Elcano. O goberno municipal aprobou este xoves a licenza para a demolición destas edificacións, actualmente en estado ruinoso, solicitada polo Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED). Esta é unha das actuacións recollidas no convenio que este organismo asinou no seu día co Concello de Pontevedra para desenvolver diversos proxectos inmobiliarios e mellorar a mobilidade peonil nos ámbitos urbanos que seguen en mans de Defensa. En concreto, unha vez demolidos este catro chalés -expropiados en plena ditadura, en 1944-, o espazo que ocupan será baleirado para crear unha nova praza pública, aproveitando para abrir toda esta zona cara a un patio interior que comunica coa rúa Manuel del Palacio. Haberá ademais unha nova rúa peonil que unirá Rosalía de Castro e Manuel del Palacio. Chalés militares que serán derrubados en MollavaoPontevedraViva Tras a demolición, o INVIED solicitará licenza para a construción dun novo edificio neses terreos e que, segundo os plans previstos, servirá para tapar a medianeira alta dos edificios existentes en Rosalía de Castro. Nun mesmo inmoble, os promotores concentrarán a edificabilidade equivalente á que tiñan os chalés no seu conxunto. O edificio poderá ter, como máximo, cinco alturas e unha superficie de 1.596 metros cadrados. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou este novo impulso a unha actuación que contribuirá a dignificar toda esta zona e mellorar a súa mobilidade peonil. Fernández Lores lembrou ademais que o Concello pediu ao Ministerio de Vivenda que esa edificabilidade sexa para vivendas de promoción pública a prezo taxado, aumentando así o parque de vivendas de protección pública na cidade.