A Casa da Cultura Nélida Piñón de Borela acolleu este luns unha xuntanza informativa destinada a dar a coñecer entre a veciñanza o proxecto de creación dunha Comunidade Enerxética Local. Esta iniciativa do Concello de Cerdedo-Cotobade busca aproveitar mellor os recursos enerxéticos, reducir custos eléctricos e fomentar o uso de fontes renovables no medio rural. Na reunión participaron o deputado provincial Javier Tourís e as técnicas da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación de Pontevedra, encargadas de explicar os detalles e os pasos necesarios para poñer en marcha esta nova comunidade, que dependerá directamente da vontade e implicación dos propios veciños. O alcalde, Jorge Cubela, destacou durante o encontro que Cerdedo-Cotobade segue dando pasos firmes na aposta pola eficiencia e a sostibilidade. "Queremos ser un exemplo de como o medio rural pode liderar proxectos de innovación enerxética que melloren a vida da nosa xente", dixo. Cubela tamén puxo en valor o carácter pioneiro do municipio, lembrando proxectos xa en marcha como o Aldealix de Cerdedo, que permitirá crear unha rede de calor para o aproveitamento enerxético local, ou a instalación de dous centros fotovoltaicos de gran capacidade para subministrar electricidade aos edificios públicos de Carballedo e Tenorio. Segundo explicou o rexedor, estas actuacións forman parte dunha estratexia global para facer de Cerdedo-Cotobade un territorio máis verde, sostible e competitivo, apostando polas enerxías limpas e a innovación como motores de futuro. O alcalde agradeceu a boa acollida e o interese mostrado pola veciñanza de Borela nesta primeira toma de contacto.