MAC Marín inspírase no mito da serea de Mogor para renovar a súa imaxe

Wait 5 sec.

A MAC Marín, Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín, arranca a súa quinta edición coa creación dun novo personaxe, a serea Marinela, que servirá de emblema durante a campaña de promoción do festival, que celebrará as súas xornadas de actividades entre o 18 e o 22 de agosto de 2026. Con esta nova imaxe inspirada no imaxinario popular local, o director da mostra, Dani Antelo, explicou o motivo "dunha imaxe renovada", durante o acto de presentación celebrado no Museo M. Torres, xunto á concelleira Itziar Álvarez: "acadar o obxectivo de que esta sexa a edición máis participada das celebradas ata o momento". "A serea representa o mar, pero ao mesmo tempo representa a cultura galega. É facilmente recoñecible porque está moi ligada á tradición e á mitoloxía de case todos os recunchos do mundo", explicou o director do festival, Daniel Antelo. "Neste sentido, será un punto que fará que o noso festival resulte máis atractivo de cara ao exterior". Aínda que o nome oficial do novo personaxe non fora revelado ata o de agora, a organización do festival decidiu chamala Marinela, "xa que era o que mellor reflectía as raíces de Marín entre as diferentes opcións que se barallaron". "Non temos referencias do nome da serea de Mogor, así que inventámonos un", apuntou Antelo. No que respecta ao redeseño do logotipo, combina tons amarelos, turquesas e verdes escuros, en alusión ao mar, á praia e ao monte marinense. Antelo subliña que esta nova paleta "representa o noso concello, a nosa identidade e, ao mesmo tempo, son cores que podemos atopar ao longo de toda Galicia". A serea Marinela convértese así no novo símbolo do certame, tanto na súa imaxe gráfica como no deseño do trofeo oficial, unha reinterpretación artística do mito que conecta a esencia local coa proxección internacional do festival. Trofeo MAC MARIN 2026 Durante as catro edicións celebradas, a MAC Marín conseguiu consolidarse como un punto de encontro entre a creación local e o mercado audiovisual. A pasada edición, celebrada en agosto, reuniu un total de 400 producións participantes de distintos países, na súa maioría curtametraxes e webseries: 334 e 42 respectivamente. Entre os títulos premiados destacaron Ìsulas de s'ìsula, do realizador italiano Lorenzo Sibiriu (Mellor Longametraxe); Nur Sultan, do vigués Xoán Escudero (Mellor Curtametraxe); e Nas ondas do tempo, do marinense Adrián Porima (Premio do Público). Fiel ao seu espírito innovador, a MAC Marín seguirá explorando as novas narrativas dixitais e o papel da Intelixencia Artificial na creación artística. "Non vemos a intelixencia artificial como un inimigo, sempre que se respecte éticamente o traballo do sector creativo", comentou Antelo. Entre as novidades de 2026 destaca a incorporación do formato de ficción sonora á competición do festival, un xénero que vive un grande auxe en España e que o festival acollerá por primeira vez. A programación continuará incluíndo, ademais, os formatos tradicionais de curta e longametraxe.