O Cisne roza a xesta copeira pero cae eliminado fronte ao Guadalajara da Liga Asobal

Wait 5 sec.

Cos dedos rozou o Club Cisne a xesta este mércores no Pavillón Municipal dos Deportes na primeira rolda da Copa do Rei, caendo coa cabeza alta e só nun minuto final fatídico tras chegar a el con todas as opcións intactas (27-30). Os pontevedreses medíanse ao BM Guadalajara, un equipo que aínda que en problemas a nivel clasificatorio (é penúltimo con 2 puntos) milita na máxima categoría nacional, a Liga Asobal. Do mesmo xeito que hai un ano, cando tombaron contra prognóstico o Ángel Ximénez, os pupilos de Quiños saltaron á pista sen complexos para tentar regalarse un triunfo de prestixio e de paso dedicarllo ao seu porteiro Roney Franzini, pola súa recente paternidade. Fixérono superando ademais un inicio duditativo, no que o Guadalajara quixo mandar unha mensaxe cun 0-3 de saída no medio de varias imprecisións en ataque dos locais. A pesar diso non se descompuxeron, e aínda que tardaron máis de seis minutos en estrear o seu marcardor cun tanto de Virulegio, pronto recuperaron terreo para empatar entrando no minuto 10, con tantos de Linhares e Yago López. Seguía marcando o ritmo o Guadalajara, pero entrouse nunha fase de igualdade, con vantaxes mínimas para os visitantes, mentres os minutos ían pasando. Boa noticia para un Cisne que segundo se achegaba o descanso críallo máis e máis. Joao Ferreira puido poñer por primeira vez o seu equipo en vantaxe no minuto 19, pero fallou un lanzamento de sete metros e a tónica mantíñase un pouco máis. Foi así até o último minuto do primeiro acto, cando tras un intercambio de golpes Manu Lorenzo desde o pivote puña aos da Boa Vila por fin por diante colocando o 14-13. Respondía o Guadalajara cun gol, pero outro tanto de Xoán Fernández e unha parada de Abián mantiñan o gol de diferenza ao tempo de descanso (15-14). O equipo de Asobal metíase en problemas, e agravábao tras o paso polos vestiarios nun inicio fulgurante dos locais. Tres tantos seguidos desde o extremo de Diego López, facendo dano co saque rápido buscando o contragol, xunto a un envío en longo de Abián para Yago López que convertía no 19-16 obrigaba os visitantes a parar o partido cun tempo morto. Só transcorreran 4 minutos desde o intermedio e vían que a eliminatoria se lles podía escapar. A defensa subía o nivel, a portaría colaboraba e o Cisne consolidaba o seu dominio, aínda que sen agrandar a ferida porque tamén custaba anotar. Cada gol había que traballalo. Os pontevedreses castigaban sobre todo desde os extremos (Diego López anotou 9 goles), e co cronómetro en contra o Guadalajara empezaba a poñerse nervioso, como evidenciaban as protestas desde o seu banco. Hugo Carreira sumábase á festa na portaría cisneísta cunha dobre parada que permitía, agora si, estirar a vantaxe cara aos 5 goles (24-19) no minuto 47. A falta de 13 minutos, o público empezaba a soñar coa xesta e con regalarse outra noite copeira. Pero chegou o punto de inflexión. Juan Carlos Requena movía ficha desde o banco cambiando a súa defensa a 5-1 e os visitantes sumaban dous rápidos goles (24-21), facendo que Quiños reaccionase tamén parando o partido. Faltaban 10 minutos para o final e había que sufrir para pasar de rolda. O equipo de Asobal tiraba de garra para volver meterse no partido e reaccionaba para colocar o 25-24 a 6 minutos da conclusión. Álex López primeiro e Diego López despois cortaban a sangría con senllos goles que daban aire aos seus cando peor o estaban a pasar (27-25), pero a tendencia cambiara. Faltaba xa claridade nas ideas froito do cansazo e os ánimos renovados do rival complicaban moito a tarefa. O Guadalajara achegábase no marcador empatando a pouco máis de 2 minutos do final do tempo regulamentario (27-27) cun tanto de Joan Blanco. Temíase por unha remontada que se consumou xa entrado no minuto final. Gonzalo Velasco facía o 27-28, e tras un lanzamento errado de Álex López o Cisne lanzábase a presionar a toda a pista case á desesperada. Non funcionou, chegando a estocada con dúas dianas máis dos visitantes para sentenciar co definitivo 27-30. Un resultado en todo caso que non resta nada de mérito a un combativo Cisne, aínda que o deixa fóra da sempre ilusionante Copa do Rei. [galleries:vertical:10834]