A apertura do novo campo de fútbol de Salcedo provocou este mércores queixas por parte do Partido Popular. En concreto lamentan a falta de auga quente nos vestiarios e as deficiencias no sistema de iluminación. Asegura o edil popular Guille Juncal que nos últimos días está a "prexudicarse aos deportistas por non garantir uns servizos mínimos de calidade, e xerarlles numerosas incomodidades ao non poder completar os seus adestramentos con luz e auga quente". Todo iso "a pesar da chegada do frío e do horario de inverno ". Juncal insiste tamén na "necesidade urxente" de mellorar os accesos á instalación deportiva para garantir a seguridade dos deportistas e tamén dos afeccionados. Desde o PP aseguran que a situación é "intolerable" despois do atraso na posta en marcha do campo de fútbol de Salcedo, construído a través dun convenio da Deputaciónd e Pontevedra cun investimento de 1,9 millóns de euros. Acusa Guille Juncal que se trata "un exemplo máis da mala xestión do alcalde". De feito, defende, son "problemas que se repiten ano tras ano sen que o goberno local busque ningunha solución".