O espírito do Nadal está a piques de chegar a Poio. O sábado, 29 de novembro, a Praza do Mosteiro converterase no corazón da festa coa inauguración oficial do Nadal, coa conta atrás para o acendido das luces. Este ano, este momento tan especial terá como protagonistas á Asociación Down Pontevedra – Xuntos. Con este xesto, o Concello quere recoñecer o labor desta entidade, que leva máis de tres décadas traballando pola inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e das súas familias. A inauguración do alumeado dará tamén o pistoletazo de saída ás Aldeas de Nadal, espazos que, por terceiro ano consecutivo, encherán de vida as sete parroquias do municipio. Este ano poderanse visitar nos muíños de Samieira, o parque de Lourido, o Adro de San Salvador, a Praza da Chousa de Combarro, o porto de Raxó, a Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño. A popular carpa Poio Máxico, na Seca, volverá ser outro dos lugares de referencia dunha programación que o Concello presentará nos vindeiros días. Avanzan, iso si, que será unha oferta ampla, participativa e pensada para todos os públicos, con actuacións, espectáculos itinerantes. Para o goberno local esta programación é fundamental para dinamizar o comercio e a hostalería local, fomentar o consumo de proximidade e crear emprego temporal. Ademais, engadiu o alcalde que a decoración e o ambiente festivo proxectan unha "imaxe moderna e acolledora de Poio".