O Teatro Principal quedou pequeno este sábado ante o abarrote de público que acudiu para gozar dunha representación verdadeiramente única de "Os vellos non deben de namorarse", a soada obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A expectación era tal que, antes de abrirse as portas, a cola serpenteaba pola rúa Alhóndiga até chegar á Casa Consistorial. A función, impulsada por Os de Algures, foi un exemplo de traballo colectivo e paixón pola cultura galega. Na produción participaron máis de 60 persoas, coa implicación da Aula Municipal de Teatro, Tramoias de Algures, Tarabelo Teatro, Cafuné, Soalleira e Leña ás Ferreñas. Pero o que fixo desta representación algo verdadeiramente especial foi a súa fidelidade ao soño escénico de Castelao. A posta en escena recuperou non só o texto orixinal, senón tamén os deseños, cores, movementos e cancións que o propio autor imaxinara para a súa obra. Cada detalle —desde o vestiario até as coplas que se entoaron sobre o escenario— reflectiu o universo creativo do artista de Rianxo. Oito décadas despois da súa estrea en Buenos Aires en 1941, esta versión logrou algo excepcional como foi achegar ao público quizais a achega máis real ao que Castelao pensou. [galleries:vertical:10841]