A cidadanía participa no deseño da estratexia verde de Pontevedra

Wait 5 sec.

A veciñanza, expertos e colectivos sociais están a debuxar estes días un diagnóstico compartido sobre o futuro ambiental da Boa Vila. Son as chamadas Tribunas Medioambientais RedeVerde. Este foro de diálogo está organizado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Fundación Biodiversidad e a Universidade da Coruña. As xornadas combinaron mesas de traballo, obradoiros e rutas por espazos naturais clave. O resultado foi un proceso participativo que sitúa a Pontevedra na vangarda do urbanismo verde e colaborativo. Os participantes coincidiron en destacar os puntos fortes que fan de Pontevedra un modelo recoñecido, pola abundancia de zonas verdes, o "tamaño humano" da cidade, a mobilidade peonil, as áreas fluviais e periurbanas e unha calidade de vida que se mantén grazas aos baixos niveis de contaminación. Tamén se puxo en valor o tecido social comprometido e organizado, esencial para impulsar proxectos ambientais duradeiros. Non obstante, o diagnóstico tamén sinalou retos importantes, como as zonas inundables, o crecemento dun turismo descontrolado, o aumento de temperaturas extremas ou as carencias na rede de carril bici e no transporte público cara ao rural. Lonxe de verse como problemas, estes aspectos foron interpretados como oportunidades para actuar. O consenso apuntou á necesidade de protexer os corredores fluviais, ampliar a gobernanza ambiental, preservar as especies autóctonas e vincular a renaturalización cun turismo sostible e responsable. Entre as intervencións, destacou a ponencia de Francisco Alberto Varela, da Universidade da Coruña, quen presentou a estratexia de infraestrutura verde como ferramenta clave para conectar espazos naturais, promover a biodiversidade e adaptar a cidade ao cambio climático. As xornadas tamén deron visibilidade a proxectos xa en marcha e recoñecidos pola súa eficacia, como a restauración do río Gafos ou as rutas pola marisma do Alba, exemplos claros de recuperación medioambiental. Tamén se subliñou o traballo interdisciplinar do equipo da arquitecta Mercedes Fernández Díaz na restauración de marismas. Tribunas Medioambientais RedeVerde Concello de Pontevedra Antes das Tribunas, o Concello puxo en marcha os "Laboratorios verdes", unha iniciativa dentro deste mesmo proxecto RedeVerde Pontevedra que levou a educación ambiental ás aulas de nove centros escolares do municipio: Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Luís Seoane, Froebel, San Martiño, Parada-Campañó, Vilaverde-Mourente, Marcos da Portela e Cabanas. O alumnado explorou a biodiversidade dos seus barrios, identificando especies vexetais e animais, e participou en talleres sobre reciclaxe, compostaxe e uso responsable dos recursos. Estes laboratorios fomentaron a curiosidade científica e a conciencia ecolóxica desde idades temperás, demostrando que a educación é unha das mellores ferramentas para construír unha cidade máis verde e resiliente. As Tribunas Medioambientais RedeVerde remataron cunha folla de ruta elaborada pola cidadanía, que reclama dar continuidade ás accións e aplicar de maneira práctica o coñecemento xerado. A principal conclusión é renaturalizar Pontevedra é tamén fortalecer o turismo sostible e o comercio local, consolidando o modelo de cidade de proximidade que a distingue en todo o mundo. Tribunas Medioambientais RedeVerde Concello de Pontevedra