A entrada de auga en locais de Clara Campoamor en Vilagarcía reaviva a preocupación veciñal

Wait 5 sec.

A rúa Clara Campoamor, no centro de Vilagarcía, volveu ser escenario de asolagamentos na noite deste martes durante o paso da borrasca que deixou máis de 50 litros por metro cadrado na vila, segundo os datos de Meteogalicia. O episodio, que coincidiu coa suba da marea, provocou a entrada de auga en baixos comerciais dos edificios da zona, especialmente no tramo final da rúa xunto á Praza de Galicia. Nesta rúa finalizou a reforma nestes días e vívese con preocupación esta incidencia que os veciños agardaban que estivera resolta. Varios establecementos tiveron que improvisar barreiras para tentar evitar a entrada da auga masiva nos seus locais. Os equipos de emerxencias realizaron ata nove intervencións por inundacións no municipio, a maior parte relacionadas co anegamento de rúas, garaxes e tendido eléctrico. Esta problemática non é nova para os veciños e comerciantes, que levan anos sufrindo os asolagamentos cada vez que coinciden fortes precipitacións e marea alta. Rúa Clara Campoamor, que sufría asolagamentos en VilagarcíaPontevedraViva O Concello anunciou que prevé reabrir a rúa este venres 14, unha vez finalice a instalación do mobiliario urbano, bancos e sistema de iluminación led. O proxecto de mellora contou cun investimento de 660.000 euros. A incerteza, con todo, persiste entre os residentes, que temen que as inundacións poidan repetirse no futuro se non se abordan medidas máis efectivas contra este tipo de episodios.