Cuntis remata a renovación do alumeado público con tecnoloxía LED

Wait 5 sec.

O Concello de Cuntis vén de poñer o punto final ás obras de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público, un proxecto que supón un investimento de máis de 136.000 euros e que marca un paso decisivo cara a un municipio máis sustentable e eficiente. A actuación, financiada a través do Programa DUS 5000 con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ten como obxectivo reducir o consumo eléctrico, diminuír as emisións contaminantes e mellorar a calidade da iluminación nas rúas. As obras abrangueron a substitución das antigas luminarias por modernos puntos de luz LED de baixo consumo en oito zonas estratéxicas do municipio: Cardecide, Uxío Souto, Rosalía de Castro, Rúa Castelao, Rúa Bernardo Sagasta, Calvos, Meira e o Campo de Fútbol de A Ran. O cambio non só mellora a visibilidade e a seguridade cidadá, senón que tamén supón un aforro notable nas facturas eléctricas municipais. En total, o proxecto contou cun investimento de 136.615,65 euros, dos cales o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), achegou o 85% do custo subvencionable —uns 105.923 euros—. A Deputación de Pontevedra contribuíu con preto de 10.000 euros, mentres que o Concello de Cuntis asumiu uns 20.700 euros de fondos propios. O alcalde, Manuel Campos, sinalou que "é unha satisfacción ver rematado este proxecto, que supón un salto de calidade no noso alumeado público e un compromiso firme coa Axenda 2030. Ademais de reducir significativamente os custos enerxéticos para o Concello, melloramos a seguridade e a visibilidade dos nosos veciños nas rúas e núcleos rurais, facendo de Cuntis un concello máis eficiente e sustentable". Campos aproveitou tamén para agradecer a colaboración do Ministerio e a Deputación xa que "sen o seu apoio, sería imposible levar a cabo un investimento vital como este, que sitúa a Cuntis na senda da eficiencia e do respecto ao medio ambiente".