Sete estudantes portugueses de Enfermaría inician prácticas clínicas na área sanitaria de Pontevedra

Wait 5 sec.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés deu este luns a benvida a sete estudantes de cuarto curso de Enfermaría procedentes da Escola Superior de Saúde Cruz Vermelha Portuguesa-Alto Tâmega, situada en Chaves (Portugal). O acto tivo lugar no salón de actos Doutor Castro-Rial do Hospital Provincial de Pontevedra, marcando o inicio dun período de prácticas clínicas que se estenderá desde este luns 10 de novembro ata o 19 de xaneiro de 2026. Durante a recepción, Silvia Sánchez Radío, supervisora de Docencia e Formación Continuada, fixo fincapé na importancia da intimidade, da confidencialidade e do segredo profesional na actividade sanitaria, cuestións consideradas esenciais tanto na formación como na práctica do persoal de enfermaría. As prácticas do grupo portugués desenvolveranse nos servizos de UCI-Reanimación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, así como nos centros de saúde urbanos de A Parda, Lérez e Virxe Peregrina. Esta colaboración entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e a Escola de Saúde de Chaves repítese, como en anos previos, acollendo tamén alumnado dos cursos segundo e terceiro. O acordo pretende potenciar os lazos formativos e profesionais que unen Galicia co norte de Portugal, para fornecer a cooperación internacional na formación sanitaria.