Tráfico intensificará esta semana os controis do transporte escolar

Wait 5 sec.

Do 10 ao 14 de novembro, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha unha campaña especial de control e vixilancia do transporte escolar en Galicia. Na nosa comunidade este tipo de servizo ten unha especial relevancia xa que hai máis de 3.800 rutas que percorren cada día estradas e camiños para levar a miles de estudantes aos seus centros educativos. Galicia é a comunidade española con máis liñas de transporte escolar. A Delegación do Goberno subliña a "especial transcendencia" desta iniciativa pola necesidade de garantir que os traxectos sexan completamente seguros. Segundo os datos de Tráfico, o 90% dos accidentes no transporte escolar prodúcense durante a subida ou baixada dos menores nas paradas, un momento crítico que esixe a máxima precaución. Durante toda a semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, co apoio de distintas policías locais, revisarán que tanto os autobuses como os condutores cumpran estritamente a normativa vixente. Entre outras cuestións, comprobarase que os menores viaxen acompañados por unha persoa debidamente cualificada, que os vehículos conten coas autorizacións e seguros necesarios, e que manteñan en perfecto estado todos os elementos de seguridade obrigatorios. Tamén se revisarán aspectos administrativos como a autorización especial para o transporte escolar, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou o cumprimento dos tempos de descanso do condutor. A campaña prestará especial atención ás estradas convencionais e vías urbanas, onde se concentra boa parte deste tipo de desprazamentos. A Delegación do Goberno asegura que o propósito é concienciar a pais, colexios e empresas de transporte sobre a importancia de respectar as normas. Na última campaña similar, formuláronse 488 denuncias, a maioría por irregularidades administrativas. Concretamente, 136 foron por carecer da autorización especial e 87 por non contar co seguro obrigatorio.