AROSA - ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEIROS O Arosa non puido pasar do empate este domingo na Lomba na décima xornada de liga na Terceira RFEF fronte ao Atlético Coruña Montañeiros (1-1). O conxunto arlequinado deixa polo camiño dous importantes puntos nun partido pasado por auga. Álex Rey adiantou os de Vilagarcía aos 20 mninutos, pero só cinco minutos despois os visitantes empatarían por medio de Dani Fernández. Aínda que faltaba moito tempo por diante, os de Gonza non estiveron finos de cara ao gol tendo que conformarse cun punto que lles deixa na terceira posición da táboa con 19, a tres do liderado e sen aproveitar os tropezos de Compostela e Somozas. Consulta aquí a acta do partido. GRAN PEÑA - CÉLTIGA FC Velocidade de cruceiro colleu o Céltiga, que este domingo sumou o seu cuarto triunfo consecutivo ao dobregar a domicilio o Gran Peña (2-4). Os da Illa dispáranse até a quinta posición con 16 puntos, en posto de play-off tras saír vitoriosos dun encontro que se puxo en contra. Marcos Fontán adiantou o Gran Peña aos 14 minutos, pero Adri antes do descanso e Santi Figueroa ao comezo do segundo acto daban a volta ao marcador. Empatarían os locais co momentáneo 2-2, ata que nos inbstantes decisivos Nico (minuto 82) e Marcos Blanco (2-4) sentenciaron. Consulta aquí a acta do partido. LUGO B - JUVENTUD CAMBADOS Empate agridoce para a Juventud Cambados na súa visita ao filial do Club Deportivo Lugo (1-1). Os amarelos suman un valioso punto (vanse aos 10) para manterse fóra da zona de descenso directo, pero quedaron co mel nos beizos ao rozar o triunfo até practicamente o último minuto. Seydou adiantou o Cambados aos 3 minutos de xogo, unha vantaxe que conservaron durante gran parte do partido. De feito o Lugo B non logrou a igualada até o minuto 89, por medio de Aday. Consulta aquí a acta do partido.