Un detido e 41 quilos de droga intervidos nunca redada nun importante punto de venda en Cambados

Wait 5 sec.

A Policía Nacional dá por desarticulado un "importante" punto de distribución de estupefacientes a media escala na localidade de Cambados. No marco da denominada operación Logan, detiveron ao presunto responsable da actividade ilegal e interviñeron na súa vivenda 41 quilos de sustancia estupefaciente. Localizaron na casa 6 quilos de cocaína, 27 de haxix e 8 de marihuana, ademais dunha pistola municionada e lista para disparar, diñeiro, unha báscula de precisión, unha máquina de envasar ao baleiro e diversa documentación. A operación realizouna o grupo II da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) de Pontevedra, que considera que a persoa detida dedicábase á distribución de importantes cantidades de cocaína, haxix e marihuana. A Policía Nacional levaba tempo investigando a un veciño de Cambados do que tiñan coñecemento de que se estaría dedicando á distribución de importantes cantidades destas sustancias a pequenos narcotraficantes, que, á súa vez, revendían a consumidores e outros vendedores, coas conseguintes molestias aos veciños da zona. Durante semanas, os investigadores efectuaron unha serie de vixilancias que culminaron na mañá do 7 de novembro coa detención do implicado e o rexistro do seu domicilio. Este operativo contra o tráfico de drogas é, segundo a Policia Nacional, unha resposta máis ás demandas dos veciños.