Despois de 11 xornadas de competición na Primeira RFEF, chega o momento para o Pontevedra Club de Fútbol de empezar a lidar coas habituais sancións. Até o momento só Montoro, pola súa expulsión en Ponferrada, tiña perdido un encontro por este motivo, circunstancia que cambiará este próximo sábado 15 de novembro (16.15 horas) coa visita do Mérida a Pasarón. Non estará dispoñible para este choque o central Miki Bosch, titular nas 11 xornadas disputadas até a data, que debe cumprir un castigo dun encontro de suspensión por acumulación de amoestacións. O central é o primeiro que chega á cifra de 5 cartolinas amarelas, tras ser amoestado en Salamanca, e deberá de cumprir sanción. En capela, a unha amarela do castigo, atópase ademais Yelko PIno con 4 amoestacións. Tras eles, con 3 cartóns, atópanse Montoro, Víctor Eimil, Brais Abelenda, Vidorreta e Álex González, que pronto poden pasar a engrosar a lista de apercibidos.