Sanxenxo contará en 2026 cun orzamento municipal que alcanzará os 69,8 millóns. Así consta no documento que o executivo que lidera Telmo Martín someterá a debate no pleno ordinario que se celebrará o próximo 24 de novembro. O goberno municipal destaca que as liñas estratéxicas de actuación centraranse en investimentos no rural e en proxectos que levarán a cabo desde as empresas municipais, Nauta e Ínsula, que permitirán "actuacións craves" no desenvolvemento do municipio. Así, segundo avanza o Concello, Nauta continuará coa remodelación do porto de Sanxenxo e porá en marcha o parking de San Roque en Portonovo. Desde Ínsula, pola súa banda, impulsarase a promoción de vivenda pública co obxectivo de cumprir coa demanda recollida no rexistro municipal de vivenda. A política social manterase ademais como un dos "puntais" das contas cun novo incremento de máis de 600.000 euros para 2026, até os 9,9 millóns de euros. Deste xeito, Sanxenxo alcanzará os 225 euros por habitante e ano en gasto social. Dos case 70 millóns de euros do orzamento, a entidade local contará con 23,9 millóns. O resto de diñeiro repartirase entre as empresas públicas de titularidade municipal. Turismo de Sanxenxo disporá para o próximo ano de 1,8 millóns de euros, Nauta terá un orzamento de 26,8 millóns e Ínsula alcanzará os 7,2 millóns.