As familias do Frei Martín Sarmiento, "desesperadas" co transporte escolar: "Calquera día pasa algo aí"

Wait 5 sec.

"Estamos desesperados", aseguran as familias do alumnado do instituto Frei Martín Sarmiento de Pontevedra en relación coas continuas "irregularidades" que aseguran que se producen no transporte escolar. Unha representante da asociación de nais e pais do centro explica a PontevedraViva que este curso escolar están a repetirse os problemas que xa denunciaron o ano pasado e, a pesar das súas continuas queixas, "ninguén fai nada". As súas queixas están dirixidas, fundamentalmente, ao incumprimento dos horarios e á falta de seguridade e de control de acceso aos autobuses na parada situada na avenida María Vitoria Moreno. A ANPA carga contra a empresa concesionaria, Monbus, que remite á Xunta de Galicia para responder as preguntas deste xornal. Fontes oficiais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes confirman que teñen constancia destas queixas e explican que "todas foron trasladadas á empresa, para que informaran e tomaran medidas para solucionar os problemas". Tamén indican que se realizou unha inspección na hora de recollida do alumnado "para comprobar o funcionamento e condicións do servizo", aínda que non se facilita información sobre o resultado. En canto aos horarios, esta representante da ANPA explica que "Monbus fai o que lle dá a gana cos horarios" e "hai días que directamente non aparecen os buses". Refírense, sobre todo, aos horarios de recollida dos e as escolares á primeira hora da mañá, con "incidencias" na Parda por exemplo, onde chega a haber diferenzas de máis de 20 minutos entre as horas de recollida dun día ao seguinte. Ao termo da xornada lectiva, os autobuses pairan na avenida María Victoria Moreno, á altura da farmacia. Alí, ás 14.10 ou as 15.00 horas, en función do día da semana, relatan situacións de caos e falta de seguridade. Así, indican que a parada "ten capacidade para dous autobuses", pero á mesma hora conflúen moito máis, cinco tan só deste instituto, outros servizos doutros centros educativos da zona e os do transporte urbano ordinario. Isto obriga que os vehículos acaban realizando "carga e descarga de alumnos na estrada", co conseguinte perigo. Autobús escolar do Frei Martín Sarmiento na parada da avenida María Vitoria MorenoCristina Saiz Ademais, para chegar, teñen que cruzar un paso de peóns con semáforo e ás veces non lles dá tempo, de modo que alertan de que "calquera día pasa algo aí". Na parada relatan outro problema, relativo ao control de acceso aos autobuses. Á mesma hora conflúen estudantes de ESO, que son "usuarios de pleno dereito" do servizo de transporte escolar e outros de bacharelato que non teñen ese dereito prioritario garantido, pero as familias denuncian que os condutores non realizan control de acceso, de modo que entran todos xuntos. "Non se controla nada, o condutor abre as portas e o que chega antes, entra", sen pedir o canet identificativo, de modo que "hai nenos de primeiro de ESO que quedan en terra porque entran os de bacharelato ou doutros centros". Ese motiva que teñan que ir andando, unha "tolemia" para os que van a parroquias como Tomeza ou Marcón, ou que teñan que esperar a que os seus pais acudan a recollerlles. As familias quéixanse de que senten "apoio cero" da Xunta, que "dá a razón en todo" á empresa, e tamén da falta de implicación do Concello de Pontevedra, do que piden que se implique para garantir a seguridade na parada. Levan "pelexando desde o curso anterior" e demandan colaboración das institucións.