O debate sobre o futuro da autovía A-57 intensificouse en Pontevedra tras a moción presentada polo Partido Popular, que reclama a paralización das obras e o aproveitamento do tramo xa construído para conectalo cos polígonos industriais do Campiño e A Reigosa. O portavoz popular, Rafa Domínguez, argumentara que a A-57 "perdeu a súa utilidade como circunvalación" e que as fases pendentes supoñen un "altísimo custo" para as parroquias afectadas, entre elas Bora e Xeve, polo que sería "desperdiciar de maneira groseira o diñeiro público" continuar coa obra. En resposta, o socialista Iván Puentes, acompañado pola concelleira Yoya Blanco, cualificou a proposta do PP de "amnesia selectiva, peticións sorprendentes e ausencia de proxecto de cidade", acusando a Domínguez de non propoñer ningún destino alternativo para os fondos que quedarían sen executar se se paraliza a prolongación da A-57 cara ao norte. O PSOE propón en cambio que este investimento se destine ao remate do trazado cara ao sur, entre Vilaboa e O Confurco, o que permitiría conectar Pontevedra coa autovía das Rías Baixas (A-52), Ourense, Portugal e a meseta, a través dunha vía de alta capacidade libre de peaxe. Puentes lembrou que o trazado actualmente en discusión foi impulsado polo propio PP con Mariano Rajoy e Ana Pastor no Goberno de España, e lamentou que agora se desdigan do proxecto que previamente apoiaran. Ao portavoz socialista parécelle un "despropósito" pedir ao Goberno central que execute a conexión co polígono do Campiño-A Reigosa cando se trata dunha estrada e dun polígono de titularidade autonómica, afirmou, insistindo en que debe ser a Xunta quen asuma esa obra e non o Executivo estatal. "Nós estamos a favor de que se realice esa conexión, pero cae de caixón que quen debe facer ese entronque entre o polígono do Campiño e a autovía A-57 é a Xunta de Galicia, desdobrando a estrada PO-532, como toda a lóxica máis elemental apunta", sinalou durante a súa comparecencia. O portavoz socialista tamén destacou o apoio do BNG ás emendas presentadas polo PSOE, que serán incluídas na proposición que se leve ao Pleno. Para os socialistas, é fundamental apostar por infraestruturas estratéxicas que reforcen a competitividade e o desenvolvemento de Pontevedra, en vez de "meter os cartos nun caixón". Por último, desde o PSOE reivindícanse como aliados das demandas históricas da veciñanza de Bora, Xeve e Verducido, insistindo na necesidade de preservar a calidade de vida das parroquias afectadas, ao tempo que se reclama un modelo de cidade baseado en inversións produtivas e novas conexións coa rede viaria galega e estatal.