Inicio "inminente" das obras para renovar os vestiarios do pavillón de Caldas

Wait 5 sec.

O Concello de Caldas de Reis Caldas anuncia o "inminente" inicio das obras para renovar os vestiarios e crear unha sala polivalente no Pavillón Municipal de Deportes. Así o explicou o tenente de alcalde e reponsable de Deportes, Manuel Fariña, tras adxudicarse este martes os traballos á empresa Decor Rede Rivas SL. Unha vez formalizada a adxudicación, a partir da firma do contrato a empresa escollida conta cun mes de prazo para arrincar coas obras. A oferta económica presentada pola empresa é de 203.643 euros. Desde o goberno local confíase en poder acurtar lixeiramente os prazos para concluír os traballos antes de final de ano. A actividade deportiva non se deterá no pavillón municipal, polo que a reforma se dividirá en dúas áreas con outras tantas fases. Asegura ademais Fariña que se tratará de "relaxar a tensión acústica" das obras para tentar interferir no menor grao posible á actividade dos centros de ensino próximos, o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis, durante as horas lectivas. Coa reforma acometerase unha redistribución do espazo existente baixo as bancadas, renovando de maneira integral os actuais vestiarios, para facelos accesibles e funcionais. En xeral, reformaranse todas as instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade e ventilación cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental. Ao mesmo tempo, aproveitarase o espazo restante para crear un novo espazo de usos múltiples que permitirá organizar un programa de actividades deportivas amplo. Neste sentido, o Concello avanza que estuda a posta en marcha de clases grupales como ioga, zumba ou GAP, coa necesaria contratación de persoal.