Bertín Osborne búrlase do rito das nove ondas da Lanzada: "Las mandas a mi casa y no hay problema"

Wait 5 sec.

Unha nova polémica envolve a Bertín Osborne. O artista andaluz fíxose viral (para mal) despois de que a TVG publicase nas súas redes sociais un extracto da súa recente participación nun dos seus programas, A miña gran cidade. Nel, acompañado da cómica Eva Iglesias, o cantante visitou gran parte da comarca do Salnés e, nun deses momentos, ambos achegáronse ata A Lanzada para coñecer a tradición do rito das nove ondas. Este costume ancestral, que se remonta a principios do século XX, leva a moitas mulleres a meterse na auga baixo a lúa e esperar ata recibir o golpe de nove ondas consecutivas á altura do seu ventre, preferiblemente o último sábado de agosto ou na noite de San Juan. "As mulleres viñan de noite antes de que saíra o sol, pasaban as nove ondas e din que se as pasaban quedaban embarazadas", explicaba unha veciña da zona a Bertín Osborne. O primeiro comentario machista produciuse xusto a continuación. "A mí me hizo falta nada de eso", aseguraba o cantante e presentador, interrompendo á súa compañeira de gravación. Pero o peor estaba por chegar. Facíao entre risas. "Las mandas a mi casa y no hay problema", sentenciaba o artista. Ao que a propia Eva Iglesias non acertou máis que responder que Bertín "é un semental". 🌊 A Bertín Osborne cóntanlle a tradición dás nove ondas da Lanzada pero el di que non a precisa 🤣 O programa deste luns promete! Non o perdas despois do 'Land Rober' e en https://t.co/pAvnzhjCBG pic.twitter.com/nlu7ogFD8Q — TVG (TVGalicia) November 9, 2025 Estas declaracións xeraron un enorme balbordo en redes sociais, que se encheron de críticas cara ao cantante e tamén cara á propia TVG por emitir estes contidos. Durante a súa estancia no Salnés para gravar este programa, Bertín Osborne tamén aprendeu a 'esfollar' o millo, "un verbo muy bueno", afirmou o madrileño, que ademais pasou polas cociñas da Quinta de San Amaro para preparar unha empanada. A súa visita completouse, entre outros espazos, nunha adega de viño, onde participou nunha cata e afirmou que "sólo bebo albariño o ribeiro"; na capela de San Amaro, en Meaño; ou nunhas bateas en Vilanova, segundo se inclúe no programa emitido onte á noite pola televisión pública galega.