Debate arredor da baixada de soldo do alcalde Jorge Cubela

Wait 5 sec.

O pleno municipal de Cerdedo-Cotobade deste mércores terá como protagonista a retribución salarial do alcalde, Jorge Cubela, tras anunciar o goberno local a aprobación dunha baixada voluntaria do soldo en 3.000 euros brutos anuais, así como a redución das dietas dos edís por asistencia a órganos de goberno e a diminución das achegas aos grupos políticos. Segundo o goberno municipal, estas medidas supoñen un aforro total de 30.000 euros anuais, que se destinarán integramente a proxectos municipais e mellora de servizos, en palabras do alcalde, "liderando con exemplo e demostrando que a política pode ser eficiente e responsable". Pola súa banda, o PSdeG-PSOE, grupo na oposición, denuncia que a baixada anunciada non responde a unha decisión voluntaria, senón que é consecuencia da presión exercida polo recurso socialista ante a subida irregular do primeiro tenente de alcalde e da tensión social xerada. Segundo Ana Couto, voceira socialista, "trátase apenas dun lavado de cara político obrigado pola nosa presión", xa que a baixada do 6 % non supón un aforro real no conxunto do orzamento municipal. O grupo socialista reclama que, mentres Cubela mantén tres dedicacións exclusivas, a súa e as dos dous tenentes de alcalde, por importes superiores a 40.000 euros cada unha, recorta as dietas de asistencia á oposición máis dun 20 % e reduce as asignacións aos grupos, situando ao PSOE en 960 euros anuais fronte aos máis de 4.000 euros do Partido Popular. Manuel García, concelleiro socialista, considera que "o que Cubela chama 'austeridade' é pura represión política". Pola súa banda, o goberno de Jorge Cubela destaca que o custe total das dedicacións queda en 130.000 euros anuais, cifra inferior á doutros gobernos previos da comarca, e lembra que a rebaixa afecta tamén ás dedicacións dos tenentes de alcalde, fortalecendo a política de axuste e prudencia nos gastos. Os socialistas, pola súa parte, anuncian que votarán a favor da modificación porque corrixe erros administrativos, pero inciden en que as medidas presentadas non melloran nin garanten a transparencia da xestión municipal. Dende o PSOE subliñan que continuarán a fiscalizar o emprego dos recursos públicos e a exercer a súa función de oposición, malia os recortes aplicados polo goberno.