Catro empresas optan a xestionar o SAF, para o que Sanxenxo reservará dous millóns anuais

Wait 5 sec.

Case oito millóns de euros en catro anos. É o custo que terá que asumir o Concello de Sanxenxo para sufragar o custo do seu servizo de axuda no fogar. Foron catro as empresas do sector que se presentaron á licitación aberta polo goberno municipal: Attende Care, Ayuda Familia Castellón, Idades e Son a túa Axuda. Con este novo concurso, o servizo, que parte das 70.000 horas anuais, chegará até un total de 84.000 horas. O obxectivo é deixar a lista de espera a cero. En 2017, lembra a administración municipal, o gasto anual no SAF era de 331.525 euros o que supón un incremento do 639% co novo concurso que inclúe, ademais, a subida do prezo da hora ás traballadoras. O servizo incluirá dúas modalidades de prestacións aos usuarios. Así, por unha banda, estará o SAF-Dependencia, que terá un horario de 7:00 a 22:00 horas, de luns a domingo. Os servizos de sábados, domingos e festivos garantirán exclusivamente a cobertura das necesidades básicas da vida diaria. O SAF-Básico de libre concorrencia, pola súa banda, estará operativo de luns a venres, excepto festivos, de 7:00 a 22:00 horas. En ambos os casos, a intensidade horaria establecerase en función da normativa vixente e da situación concreta das persoas, segundo os criterios técnicos. A empresa adxudicataria presentará un informe mensual sobre a execución do servizo, detallando datas de alta, baixas e suspensións, así como o número de horas e servizos realizados por cada persoa beneficiaria, distinguindo entre servizos comúns e extraordinarios. Tamén incluirá o nome do auxiliar asignado a cada beneficiario, especificando calquera cambio no persoal. Ademais, achegará un cadro mensual coas quendas e horarios dos auxiliares para garantir unha visión clara da organización do servizo. Deberán entregar, por último un informe de seguimento bimestral, como mínimo, de cada usuario do servizo, tendo en conta avaliacións, incidencias e variacións; e unha memoria anual de desenvolvemento do servizo, antes do primeiros quince días do ano.