A carpa do Nadal que se instalará no Parque Eguren será escenario os días 6 e 7 de decembro dunha cita esperada especialmente pola xente nova. Trátase dunha nova edición de Marín Gaming, un evento que reúne xogos de mesa, realidade virtual e videoxogos. Segundo explicaron na súa presentación os concelleiros Hugo González e Antonio Caíña acompañados por Hugo Botana, representante de Lua Gaming, contará cun horario as súas dúas xornadas de 12.00 a 21.00 horas. Entre a súa oferta, avanzan, inclúense máis de 100 xogos de mesa dispoñibles grazas á colaboración de Rotting Pizza. Súmanselle a iso demostracións e partidas de iniciación ao rol de man de BreoGame ofrecendo un OneShot (xogo de puzzles e aventuras) de 'Espiñas e Púas', o xogo do autor local Miguel Trassierra; e de Quimera, que presentará o seu xogo propio Helendra. Presentación do Marín Gaming FestConcello de Marín Ademais haberá obradoiros de pintura de miniaturas e demostracións de wargames, como R.E.S.E.T, do escritor David Gago e Jesús Cortés. Tamén se habilitará unha Zona de Realidade Virtual e Videoxogos e outra Zona Retro Arcade, cunha exposición interactiva de máquinas arcade organizada por Vella Escola, acompañada por unha zona organizada por Counter Slime que permitirá revivir clásicos dos anos 90 e 2000. Durante o evento celebraranse ademais torneos de EA Sports FC 26, Brawl Stars, Mario Kart 8, Call of Duty: Black Ops 2, Pokémon Stadium, Dragon Ball Budokai Tenkaichi 3 ou Tekken 4. Por último, sinala o Concello de Marín, cinco colectivos e asociacións galegas presentarán os seus proxectos: Godoteires, Ao Norte, Hórreo Games, FemDevs e Ecliptika Collective.