O goberno local de Caldas de Reis conta con iniciar as obras para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Fieitoso, na parroquia de Carracedo, antes de que finalice o ano. Así o confirmou este martes o alcalde, Jacobo Pérez. Trátase, asegura, dunha das actuacións máis ambiciosas que o Concello contempla para avanzar "en garantir servizos básicos de calidade para toda a veciñanza, poñendo especialmente o foco no rural". O proxecto, que conta cun orzamento próximo aos 300.000 euros, atópase actualmente en fase de licitación, cun concurso público que finalizará o próximo día 18 de novembro. Unha vez sexa adxudicado de maneira definitiva o prazo de execución da construción da futura EDAR será de tres meses. Desta forma desde a administración local cóntase con que a depuradora poida entrar en funcionamento durante o segundo trimestre de 2026. "Desde o primeiro momento nos marcamos o obxectivo de garantir obras de gran calado, enfocadas sobre todo a mellorar infraestruturas, servizos básicos e calidade de vida para todas as veciñas e veciños de Caldas de Reis", defende o alcalde. No caso da EDAR do Fieitoso, está previsto que ofreza servizo a preto de medio milleiro de habitantes de Cortiñas, O Feitoso, O Gorgullón e Casalderrique.