O Club Cisne Balonmano logrou esta fin de semana a súa segunda vitoria consecutiva fronte a un Málaga tocado e penúltimo na clasificación (30-25). O encontro comezou totalmente igualado, con ambos os equipos tenteándose e intercambiando goles de maneira equilibrada. Con todo, unha vez alcanzado o cuarto de hora de xogo produciuse o primeiro punto de inflexión da man de Guilherme Linhares, Joao e Yago López, que lle deron ao Cisne a súa primeira lixeira vantaxe no marcador (9-7). O Málaga estivo preto de empatar no minuto 22 desde o sete metros, pero Isaak García non logrou materializar o lanzamento (11-10). Diego López, Iago Costas e Alejandro López ampliaron a renda a un 14-10, Jesús Arca e Caue Silva recortaron distancias para o Málaga (14-12). Quiños detivo o cronómetro xusto antes do descanso para aproveitar o último ataque do primeiro tempo. Alejandro López non fallou e colocou o 15-12. Tras o paso por vestiarios, o dominio do Cisne fíxose aínda máis patente. No primeiros dez minutos da segunda parte só concederon dous goles, mentres que a súa ofensiva se seguiu mostrando igual de efectiva, elevando o marcador até 22-14. Co partido practicamente no peto, os brancos mantiveron a intensidade sen baixar os brazos, controlando o ritmo até o asubío final e pechando o partido cun resultado de 30-25. Consulta as estatísticas neste enlace