Un espectáculo de imaxes, luces e son. É o que ofrecerá o espazo inmersivo que se habilitará no futuro centro de visitantes da carballeira de Caldas. Será a través das máis modernas técnicas de videomapping para explicar ás persoas visitantes a historia, a memoria, e os valores biolóxicos e ambientais deste espazo natural. Este novo 'museo 24/7' incluirá unha estancia "na que as paredes se disolven", explica o tenente de alcalde, Manuel Fariña e as imaxes, as luces e o son transformarán a estrutura física do espazo semellando que cobra vida, para ofrecer unha experiencia "novidosa e diferencial". Fariña destaca a experiencia turística das persoas que visitan o espazo natural debe estar baseada principalmente no protagonismo do conxunto exterior, que está a ser restaurado para recuperar a súa configuración orixinal e mellorar a súa biodiversidade con novas especies. Con todo, "iso non é suficiente", subliña o nacionalista, porque non se aproveitan todas as potencialidades que ten a carballeira a nivel turístico. "Necesitamos unha proposta innovadora que nos diferencie e nos posicione, por iso a proposta de musealización que facemos queremos baseala nun uso intelixente das novas tecnoloxías", engadiu o coordinador deste proxecto. Deste xeito, estase a traballar para que o centro de visitantes complemente a visita ao conxunto exterior da carballeira e o xardín botánico aproveitando todas estas ferramentas dixitais. Así, o formato da exposición vai estar apoiado nas novas tecnoloxías e, con independencia de que se inclúan formatos tradicionais, o contido principal basearase nestas vías novidosas. Desta maneira, vanse utilizar proxectores e software especializado para adaptar o contido visual á xeometría da sala, creando ilusións e efectos ópticos sorprendentes que envolven á persoa espectadora e fagan que o espazo sexa dinámico. Nestes momentos, apunta Manuel Fariña, a empresa responsable da experiencia turística, a UTE Atlantic-Trivium Caldas, está a deseñar o prego técnico do contrato para desenvolver toda a tecnoloxía necesaria. En breve sacarase a contratación a creación do espazo inmersivo dentro do centro de visitantes, que se instalará no edificio do auditorio e aproveitará a actual sala de exposicións, con 200 metros cadrados repartidos nos dous andares. A instalación e mellora deste espazo suporá un investimento que superará os 250.000 euros, cos que se van resolver tanto a mellora das actuais instalacións como a domotización. Tanto con formatos tradicionais como dixitalizados, o centro de interpretación atenderá todas as dimensións do BIC -cultural, social e natural-. En particular abordará a súa historia como espazo cidadán e a súa importancia na tradición balnearia, os usos económicos e sociais como xardín, zona de recreo, campo da feira ou área de festas e festivais, a súa importancia na memoria da vila ou os seus valores biolóxicos.