Unha banda radicada en Barcelona estafa un marinense 'roubándolle' o seu número de teléfono

Wait 5 sec.

Sete persoas foron detidas pola Policía Nacional na localidade de Sant Adrià del Besòs (Barcelona) como integrantes dunha banda criminal que estafou miles de euros a persoas de doce cidades españolas, unha delas Marín. Fixérono a través do método coñecido como 'SIM Swapping', que consiste en enganar ás compañías telefónicas para transferir o número de teléfono da vítima a unha tarxeta SIM controlada polos estafadores. Estas persoas fanse pasar por outros utilizando datos persoais roubados, como documentos de identidade ou respostas a preguntas de seguridade. Unha vez que teñen o control do número, poden acceder a correos electrónicos, redes sociais e, especialmente, servizos bancarios, accedendo a contas e fondos sen ser detectados. Moitos destes usan a verificación en dous pasos (2FA) a través de códigos por SMS, que, neste caso, chegan directamente ao móbil que o estafador posúe. A investigación comezou por mor dunha denuncia presentada na Coruña -unha das tres localidades galegas afectadas xunto a Marín e Ferrol- por unha persoa que detectou cargos non autorizados de até 9.500 euros nos seus cartóns de crédito. Ademais, observou transferencias a caixeiros automáticos concretos que el non fixera. Por mor dese caso, os investigadores lograron esclarecer dezaseis denuncias en toda España. A operación permitiu recuperar parte do diñeiro subtraído e evita que se continúen cometendo fraudes mediante este método delituoso. Aos sete detidos investígaselles por delitos de estafa e acceso fraudulento a sistemas informáticos. A Policía Nacional advirten sobre a importancia de extremar as medidas de seguridade en dispositivos móbiles e servizos bancarios, extremando a alerta ante chamadas sospeitosas ou mensaxes que soliciten calquera tipo de información persoal.