Rubén Domínguez e a polémica cos penaltis: "Hai unha orde e un xogador saltou a norma"

Wait 5 sec.

O técnico do Pontevedra CF, Rubén Domínguez, terminou o encontro ante o Mérida con sentimentos encontrados tras un empate que soubo a pouco en Pasarón e, especialmente, pola polémica que se xerou á hora de lanzar os penaltis. "Creo que fixemos unha primeira parte de moi bo nivel", recoñeceu Domínguez tras o encontro, lamentando á súa vez que os numerosos paróns e a deterioración do terreo de xogo condicionasen o ritmo do equipo. "O campo foise pondo un pouquiño peor e xusto cando iamos facer o triplo cambio para meter pernas frescas chegou o 1-1. Unha pena, porque creo que o partido estaba bastante controlado", apuntou. Pese ao empate, o técnico valorou a capacidade de reacción do conxunto pontevedrés. "Repuxémonos bastante ben e tivemos mesmo varias ocasións, a de Álex, a acción a balón parado e o penalti. O rendemento do equipo está a ser moi alto e o dos xogadores está a ser moi bo. Hai que seguir", subliñou. Para Domínguez, o punto é valioso por "é outra semana máis puntuando", aínda que "nos dá rabia porque en casa queremos gañar, gañar e gañar, e non puido ser", lamentou. O preparador tamén se referiu á polémica cos lanzamentos de penalti de Selma cando o partido estaba 1-1. O xogador granate decidiu lanzar os dous penaltis, aínda fallando o primeiro, e non seguiu a orde establecida de tiradores. "Hai unha orde e un xogador saltou a norma. Os actos que un fai na vida teñen consecuencias", resolveu. Respecto da posible lesión de Juanra, que tivo que ser substituído nada máis empezar a segunda metade, o técnico pediu "esperar a exploración final. Parece que non vai ser nada grave, aínda que falta confirmalo coa resonancia. Si confírmase, será a mellor noticia do día". Neste sentido, o cambio obrigado pola súa lesión obrigou o cambio de posición dun Vidorreta que, para Domínguez, "é un xogador pragmático onde o poñas, é un xogador de rendemento e ao final é un xogador que pode facer todas as posicións do medio campo, ten capacidade para xogar de central e hoxe xusto que nos faltaba Miki e xúntase a lesión de Juanra, pois nos deu unha solución". Por último, ao ser preguntado polo posible fóra de xogo no gol do Mérida, preferiu non mollarse. "Vímolo en directo e pareceu fóra de xogo, pero non podo afirmalo. Xa sabedes que non me gusta falar dos árbitros; eles toman as súas decisións, poden acertar ou equivocarse e é parte do fútbol. Nós protestamos porque non nos queda outra que tentar barrer para a nosa casa, pero hai que apoialos e axudarlles nese sentido", concluíu.