O Concello de Poio vén de poñer en marcha unha nova edición da campaña solidaria 'Ningunha crianza sen xoguete', unha iniciativa que se consolida ano tras ano como un dos proxectos máis emotivos do Nadal no municipio. O obxectivo é garantir que todos os nenos de Poio poidan vivir estas festas con ilusión, sen que as dificultades económicas das súas familias lles impidan gozar da maxia e da alegría propias destas datas. A campaña estará activa ata o 28 de novembro, período durante o cal as persoas interesadas poderán entregar xoguetes en bo estado, limpos e con todas as pezas, en dous puntos habilitados polo Concello: no Pazo Besada, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas e na Casa Rosada, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas. A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, salienta que esta iniciativa é "un exemplo do compromiso e da sensibilidade social que caracterizan á veciñanza de Poio", ao tempo que fai un chamamento á participación cidadá para facer felices a todos os nenos que viven en fogares cunhas necesidades especiais. Cada Nadal, Poio demostra que é un concello solidario e comprometido. Esta campaña é unha oportunidade para seguir colaborando, compartindo e facendo felices a moitos nenos que, grazas a estas doazóns, poderán vivir un Nadal máis especial. O Concello anima a doar todo tipo de xoguetes, desde bonecos, peluches, xogos de mesa, puzzles e libros, ata material deportivo como bicicletas, patíns, patinetes ou pelotas, e tamén disfraces e xogos educativos. Serán revisados e clasificados polo equipo de Servizos Sociais, que se encargará de distribuílos entre as familias antes das festas.