Conseguir que o público, como nos grandes eventos culturais, "teña a necesidade de estar". Ese é o obxectivo que se marcou Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, nunha edición, os días 28, 29 e 30 de novembro, na que chega á súa maioría de idade. Preto de 750 artistas e creadores, 100 expositores e 225 actividades daranse cita no Recinto Feiral de Pontevedra para celebrar este dezaoito anos como "escaparate" de todo o que ofrece a cultura galega, segundo destacou o director de Culturgal, Camilo Franco. Que para o público sexa "difícil de escoller" entre a súa ampla oferta cultural, sostivo o responsable da feira, "é unha riqueza", porque é unha mostra da "potencia" que ten o sector cultural en Galicia e da capacidade que ten como "entretemento". A súa, ademais, "é a oferta máis barata de todo o panorama cultural galego", porque polos apenas 6 euros que costa o bono para o tres días "podes ver máis de cen cousas", un prezo que está "moi por debaixo" do que adoita ser habitual. "Desde Touriñán a Chévere, todo é cultura do país", defendeu Franco, que asegurou que os asistentes poderán elixir "entre todo o que lles gusta ou lles pode gustar probar" cunha programación "que está entre as mellores" que Culturgal logrou reunir xamais. Isto é posible, segundo o director da feira, porque nos últimos anos a cultura galega "medrou en todos os sentidos", o que contribuíu a que as diferentes disciplinan poidan "contaminarse entre si" e ofrecer aos espectadores unha experiencia máis enriquecedora. A este respecto, Camilo Franco afirmou que a "batalla" que debe librar o sector agora é convencer ao público "de que todo o que se conseguiu ten sentido e é bo", lembrando que a cultura galega "ten as mesmas virtudes e os mesmos defectos" que as demais. LITERATURA E MÚSICA, ENTRE OS GRANDES ATRACTIVOS A pesar de que moitos poidan pensar que Culturgal "se está afastando" da literatura pola incorporación de cada vez máis disciplinas, apuntou o seu coordinador, os libros serán, un ano máis, un dos grandes alicientes do festival. Os escritores Miguel Rivas e Suso de Toro, que presentarán as súas novas novelas, Tras do ceo e Terra de sacrificio, compartirán escenario para dialogar sobre a situación da literatura en Galicia, ofrecendo unha perspectiva "que quizais por separado non darían", apuntou Franco. A eles sumaranse, entre outros autores que traerán cada un dos expositores que participan nesta edición, Emma Pedreira, Baltar Morgade, Arturo Lezcano, Kiko da Silva, Xosé Cobas, Luís Valle, Raquel C. Pico, Emma Ríos, Miguelanxo Prado ou Rosa Aneiros. Haberá ademais actividades para conmemorar os vinte anos da colección 'Do berce á lúa' da editorial Kalandraka e recitais poéticos con Ana Romaní, Fran Alonso, Andrea F. Maneiro, Antía Amarante, Lourdes Álvarez, Gonzalo Hermo, Miriam Ferradáns ou Oriana Méndez. No "teatriño" que, situado no centro do recinto, concentraranse as actividades de artes escénicas, Culturgal reunirá a Rosa Álvarez, Laura Ponte e Mercedes Castro, tres intérpretes que debaterán sobre que pasa coas actrices cando pasan dunha determinada idade. Esta mesa redonda compartirá espazo cos adiantos de Memorias dun neno labrego (Centro Dramático Galego), Tromsø (Morraoconto), A lección do mestre (Chévere), Artur Ui: o ovo da serpe (Talía Teatro) ou Alicia Wants To (Bengala Teatro), espectáculos que se estrearán en 2026. En música, a maiores dos concertos de pago no auditorio, Culturgal ofrecerá tres espectáculos gratuítos. Serán o de Magín Branco, o de Belén Tajes e Marián, galardoadas cos Premios NARF, ou o musical que repasará a obra de Faustino Santalices. En danza haberá pases de Un baile ceibe de Fran Sieira ou de Saias do mar de Nerea Andrés; a presentación de Mozas da miña aldea, un proxecto sobre as 'cantareiras'; ou Ven e baila, unha actividade coordinada por Artur Puga que convidará o público a coñecer os ritmos da muiñeira. Na vertente audiovisual, proxectaranse películas recentes como Romaría de Carla Simón ou Antes de Nós de Anxos Hortas, curtametraxes como El cuerpo de Cristo de Bea Lema, documentais como Basal da Pedreira ou series como Pensión incompleta e Palmira Lará. Haberá, ademais, un ciclo no que diferentes guionistas, realizadores ou directores utilizarán as técnicas da narrativa oral para explicar os seus proxectos. Entre eles estarán Simone Saibene, Iria Sobrado, Suso López, Xacio Baño, Samuel Lema, Ariadna Cordal ou Raquel Nogueira. Sete espectáculos conformarán a oferta para o público infantil, cos espectáculos Croco, Ganapán e Garabato, Os nenos porcalláns, A landra viaxeira e o amigo lambón, Xela, aventura da fraga, Bibopalula, Quero cantar ou O extraño caso da pedra brum brum. As principais actividades de Culturgal 2025 complétanse coa homenaxe que, a modo de clausura, renderase a Begoña Caamaño, a autora á que se dedicará o próximo ano o Día das Letras Galegas, con Ana Romaní, A Pedreira e Mónica Caamaño. E, por suposto, cos espectáculos de pago no auditorio que, a modo de festival, reunirán a artistas de talla de Óscar Ibáñez, Faia Díaz, Felisa Segade ou A Pedreira e a cómicos como Touriñán, David Amor, Pablo Meixe, Marita Martínez e Patricia Castrillón. O Teatro Principal, este xa de maneira gratuíta, acollerá o 'aperitivo' á feira: o espectáculo Será por flores, no que Uxía Senlle reunirá a moitos dos seus amigos, entre eles Joao Afonso, De Vacas, Antía Muíño e As Mosas de Mos. O programa completo de Culturgal 2025, con todos os horarios e actividades, pódese consultar a través desta ligazón.