Chegou a Pontevedra en 2016 sen facer ruído, e dez tempadas despois colocouse no top histórico de futbolistas con máis partidos co Pontevedra Club de Fútbol en competición nacional, por diante do emblema do Hai que Roelo e presidente de honra da entidade durante anos, Cholo. "Para min é un orgullo estar á súa altura", explicou este mércores o actual capitán granate, Álex González, desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón lembrando que "a filosofía e a idiosincrasia do club vén dos anos nos que xogaron eles en Primeira División, o espírito do Hai que Roelo". "Cando cheguei aquí non o pensaba, e día de hoxe é o club da miña vida", resume o cántabro, e é que Álex González leva "dez anos defendendo a camiseta, deixándoo todo". Con 36 anos, a súa cifra de 328 partidos coa granate seguirá crecendo nos próximos meses e poida que tempadas, xa que "eu quero seguir xogando a fútbol, que é o que me gusta", asegura. Non sabe aínda si será no Pontevedra porque "fun renovando practicamente desde que cheguei ano a ano, moitas veces de palabras, sen contrato, con confianza" e o importante é "dar un rendemento", polo que "esperemos seguir traballando para poder dar ese redimiento", afirma. Centrado xa na competición de Primeira RFEF, Álex González cre que unha das virtudes esta tempada está a ser "ser regulares e constantes, non ter malas series creo que fai que che achegues moito ao obxectivo". Nesa meta marcada da permanencia o seguinte reto será lograr os tres puntos en xogo o vindeiro sábado 15 de novembro na visita do Mérida a Pasarón. "Nesta liga todos os rivais son moi competitivos", avisa o capitán aínda que incidindo que "xogamos na nosa casa, e temos que ter conta ao rival, pero nós queremos facernos fortes en Pasarón coa nosa xente. Queremos meter o tres puntos na bandoleira". Todo iso cunha eliminatoria da Copa do Rei fronte ao Eibar no horizonte, unha cita para a que "aínda queda moito" pero na que "espero que veña moita xente e que sexa un partido ilusionante".