Ramón Bertolo Díaz repartiu sorte este martes en Pontevedra co sorteo extraordinario do 11 do 11 do ONCE. Desde o seu posto de venda situado entre a Praza de España e a rúa Michelena vendeu un cupón premiado cun millón de euros. Leva 20 anos neste mesmo posto de venda, uns 25 vendendo cupóns en localidades como Lalín, Silleda ou Combarro (Poio), e até agora nunca dera un premio tan elevado. Até agora, "repartira 10.000, o máximo", confesa a PontevedraViva mentres segue vendendo a compradores habituais e visitantes desde un dos seus puntos de venda habituais, na esquina entre as rúas Michelena e Gutiérrez Mellado. Nunca repartira tanta sorte, pero sempre o desexou. "Eu dixen: algunha vez vou dar un millón. E, mira, chegou", confesa. Nesta ocasión, foi co número 24760, como anuncia un cartel pegado no seu posto de venda. Vendera todos os cupóns que tiña asignados para este sorteo. Ramón Bertolo Díaz, vendedor do ONCE na rúa MichelenaCristina Saiz Moi satisfeito por repartir tanta sorte, confesa que non sabe a quen fixo millonario. "Tiña varias terminacións en cero e foi unha delas, pero non sei". Entre a súa clientela "hai de todo", tanto compradores fixos de todas as semanas como visitantes que compran unha soa vez. Aínda que o pensou, recoñece que "tampouco sei si se cadra foi un habitual ou foi algún esporádico, das excursións". Grazas a este premio, confía en afianzar clientela, pois demostra que "a ilusión, ás veces, faise realidade". E lanza unha mensaxe á poboación: "podedes empezar a crer, que realmente toca, o que pasa é que ata que lle toca a un, non é consciente de que é posible". Aínda que este mércores o día non é do todo satisfactorio proque "leva o TVU avariado 24 horas e iso tamén me amolou moitas vendas", si se mostra moi contento polo premio repartido. E móstrase confiado en que repetirá máis premios, "por suposto".