A Sociedad Deportiva Teucro recobra impulso na Primeira Nacional, tras vencer cunha convincente actuación na pista do Bueu Atlético Balonmán. Os pontevedreses impuxéronse por un resultado de 25-30, logrando o seu sexto triunfo do curso para ascender á quinta posición da táboa con 12 puntos, mentres que os locais quedan undécimos con 7 puntos. Foi un duelo no que o Teucro levou a iniciativa en todo momento. Os da Boa Vila dominaron o primeiro acto e tras uns minutos de tenteo disparábanse cun 3-8 no electrónico. Tentaba reaccionar o Bueu, pero a súa desvantaxe crecía ao descanso cun contundente 10-17. O duelo parecía decidido e co marcador a favor o Teucro soubo impor o ritmo de xogo que lle conviña para non ver perigar o resultado durante os segundos 30 minutos. Foi ademais unha actuación de equipo, con até 11 xogadores achegando goles en ataque. A próxima xornada o Teucro recibirá no Municipal o Luceros, décimo clasificado, mentres que o Bueu Atlético visitará o terceiro clasificado, o BM Lanzarote.