O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, comprobaron este sábado o remate da obra de mellora da seguridade viaria na EP-8404 entre as localidades de Piñeiro e Arcos. Supuxo un investimento de 462.000 euros e foi executada nun prazo de catro meses. A actuación afectou a un treito de 3,4 quilómetros e incluíu a reposición do firme e a mellora de distintos elementos de seguridade. Tamén se construíron cunetas de seguridade que melloran a drenaxe da vía, reparáronse as beirarrúas, e substituíuse a sinalización vertical e horizontal. O mantemento da rede viaria provincial, formada por máis de 1.600 quilómetros, "é un dos piares da nosa acción de goberno", declarou Luis López. A Deputación aprobou este venres os orzamentos do vindeiro ano 2026, que inclúen un reforzo do Servizo de Infraestruturas de máis do 50%, o que eleva a partida ata case 40 millóns de euros. Luis López destacou que a Deputación está a investir este ano un total de 1,2 millóns de euros en Cuntis, un municipio no que tamén están en marcha outras actuacións en estradas provinciais como son as EP-8402 e EP-8403 ao seu paso polas localidades de Xinzo, A Casiña e Piñeiro.