Abre o novo Fogar do Maior, un espazo de referencia para as persoas maiores de Caldas de Reis

Wait 5 sec.

Caldas de Reis viviu este sábado a inauguración do novo Fogar do Maior, situado no número 5 da Rúa Sardanela, un espazo que nace coa vocación de converterse no gran punto de encontro das persoas maiores da vila, no que poderán participar en numerosas actividades, socializar e gozar de diferentes servizos. Neste acto participou o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez Gulín, que cualificou a xornada como "histórica" para a vila, ao culminarse "un proxecto prioritario para este Goberno local, que pon o foco en ofrecer unha mellor calidade de vida aos nosos e ás nosas maiores, que tanto fan por nós e tanto aportan ás nosas vidas". O evento contou cunha gran participación, con representantes de diferentes colectivos, membros da Corporación municipal e numerosos veciños. O novo centro, cunha superficie próxima aos 900 metros cadrados, comezará a súa actividade o vindeiro luns, 10 de novembro, con cursos de Alfabetización Dixital, Ximnasia de Mantemento, Novas Tecnoloxías e Memoria e Psicomotricidade. Desde a Concellería de Benestar Social promóvense máis de 20 propostas para o curso 2025-2026, que volven rexistrar unha alta demanda, con máis de 800 persoas inscritas. As instalacións, adquiridas e rehabilitadas polo Concello, contan con seis espazos amplos e versátiles adaptados a distintos usos. Estes espazos teñen uns nomes ben descriptivos. Así atopamos a aula Fortaleza, destinada a actividades de ximnasia e mantemento. Lembranzas, para estimulación cognitiva. Maxín, para expresión artística; Sabedoría, orientada a faladoiros e coloquios e Abeiro, un salón social aberto de luns a domingo, onde os usuarios poderán socializar, ler, xogar ou participar en bingos semanais. O Fogar dispón tamén dun almacén, despacho e aseos, pensados para garantir a comodidade e accesibilidade de todos os usuarios. "Con esta inauguración ábrese unha nova etapa para Caldas de Reis e para un segmento da nosa poboación cuxo benestar é prioritario e innegociable", concluíu o alcalde.