Mentres as administracións cruzan acusacións, os condutores galegos prepáranse para outro golpe ao peto. A AP-9, a autoestrada que vertebra Galicia, ten prevista unha nova subida para o próximo ano. A previsión da consesionaria Audasa é aplicar en 2026 unha subida do 4,4% nas peaxes da AP-9 o que situará o traxecto entre Pontevedra e Vigo por encima do cinco euros. En apenas catro anos, esta vía encareceuse máis dun 20%, consolidándose como unha das autoestradas máis caras de España. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, criticou esta subida de peaxes da AP-9 para o próximo exercicio, e lamentou que "os intereses" de Audasa e do Goberno central, que "a apoia e a tolera" van "novamente en contra dos intereses dos galegos". Rueda lembrou que a Xunta dispón dun estudo que demostra que rescatar a autoestrada sería máis rendible que manter a concesión até o seu vencemento en 2048. A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) tamén alzou a voz. Asegura que esta nova subida "castiga" ás empresas galegas e aos miles de profesionais que dependen da principal arteria de comunicación do noroeste peninsular. Mentres tanto, o Goberno central mantén a súa negativa a liberar a autoestrada. A secretaria xeral de Transporte Terrestre, Rocío Báguena Rodríguez, insistiu no Congreso en que "non é viable" eliminar as peaxes polo "altísimo volume de gastos" que iso implicaría. En anteriores ocasións, o ministro Óscar Puente chegou a estimar o custo do rescate en máis de 4.000 millóns de euros, fronte aos 1.500 millóns que calcula a Xunta. A polémica agrávase tras a sentenza da Comisión Europea, que declarou ilegal a prórroga da concesión de Audasa até 2048 por vulnerar as normas de competencia. Bruxelas abriu así a porta a un posible rescate estatal, pero, por agora, Madrid non parece disposto a asumir ese custo.