O Consello da Xunta deste martes aprobou a convocatoria dun concerto social para a xestión da minirresidencia Casa da Quintán, en Ponte Caldelas, un centro pioneiro na atención a nenos e adolescentes con medidas de protección e dificultades psicolóxicas ou emocionais. O investimento previsto ascende a 2,2 millóns de euros ata o ano 2028, con posibilidade de prórroga por dous anos máis, o que elevaría o orzamento total ata os 6,4 millóns de euros. A Casa da Quintán ofrece oito prazas de acollemento residencial e conta cun equipo multidisciplinar de profesionais que traballa desde unha perspectiva socioeducativa e terapéutica. O obxectivo é mellorar o benestar emocional dos menores e axudalos a construír un futuro autónomo e estable. Para conseguilo, o centro desenvolve un amplo programa de actividades que vai desde obradoiros de orientación laboral e técnicas de busca de emprego, ata formación en habilidades para a vida independente. Trátase de acompañar a estes rapaces no seu proceso vital, ofrecéndolles ferramentas reais para a súa integración plena na sociedade, sinalan fontes da Consellería de Política Social. A Casa da Quintán súmase así á rede galega de recursos específicos para menores con trastornos de conduta, na que tamén se inclúen a minirresidencia Chavea Muíño Novo, en Vilagarcía de Arousa, e o centro de menores Montealegre, en Ourense.