Víctor Fiuza Barros, sempre na nosa memoria

Wait 5 sec.

Caen as follas das árbores paseniñamente, formando nas rúas alfombras de cores. Novembro, o mes dos magostos; nos montes agroman os acivros e adornan­se con boliñas vermellas cando chegaba o aguardenteiro ao barrio. Foise Víctor Fiuza, un dos derradeiros da Virxe do Camiño, que nunca deixou, dende os tempos do barrio de terra, onde o máis valioso era contar cun punto de luz. El, como traballador de Fenosa, nunca deixou o barrio ás escuras. Socio número oito do Pontevedra, siareiro incondicional nas duras e nas maduras, sempre que podía seguía ao equipo aló onde fose. Lembro un desprazamento nun seicentos que tiña xunto ao meu pai, a Zaragoza, nunha viaxe mítica. Fica triste o barrio, onde el xunto á súa dona Mariví foi un gran traballador na mellora do barrio e da súa prosperidade. Nos tempos dourados da nosa infancia sempre colaboraban con nós nas fogueiras, nos maios e en todas as festas do barrio, cando o bar do Enchufe era o noso Ateneo. O seu fillo Carlos segue no barrio, e desde a Academia CICA mantén, como seu pai, a teima de dar prosperidade e poñer en valor a memoria do barrio. Que a terra che sexa leve, compañeiro Víctor. Contigo vaise unha parte moi importante da Virxe do Camiño, de cando o mundo era o noso barrio e, subidos ao Muíño do Vento, ollabamos chegar o futuro. Hai persoas que loitan un día e son boas, hai persoas que loitan un ano e son mellores, e hainas que loitan toda unha vida. Esas son as imprescindibles. Víctor Fiuza era unha delas.