O municipio do Grove súmase este ano á celebración do Día Mundial do Patrimonio cunha proposta singular: unha ruta guiada titulada O Grove descoñecido. Impulsada pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e coordinada polo técnico municipal de Medioambiente, investigador e divulgador local Francisco Meis, que será o encargado de guiar este percorrido polo patrimonio do Grove. A iniciativa pretende amosar os vestixios e espazos ocultos que conservan a memoria mariñeira da vila e que "durante os anos 70 e 80 borrouse historicamente o que tardou séculos en facerse", lembra Meis. "Esas dúas décadas aniquilamos practicamente o patrimonio mariñeiro, non soamente no Grove senón en todas as vilas da costa de Galicia, a arquitectura popular mariñeira practicamente desapareceu", insiste. A idea de O Grove descoñecido nace da vontade de recoñecer aquilo que aínda sobrevive e redescubrir o que permanece oculto. As marcas que deixou o porto de 1920 ou a arquitectura popular seguen presentes, agardando a seren postas en valor. Na vista guiada "veremos unha serie de elementos que están aí, pero que non son detectados se non estás un pouco entrenado, e non es capaz de vislumbrar ese Grove descoñecido, ese Grove mariñeiro e secular que persiste a través deses elementos", indica Meis. A ruta levará ás persoas participantes polas rúas que "vertebraban a historia da vila", como a Rúa Escura ou a chamada Praza de Arriba, espazos que foron centros de actividade mariñeira por séculos. Durante o percorrido falarase da evolución urbanística e vanse descubrir elementos tan sorprendentes como unha peza relixiosa datada entre 1520 e 1540, atopada recentemente nunha casa en demolición. "Este será quizais un dos elementos máis importantes da visita", apunta Francisco Meis, que sinala que a persoa que data este achádego é o profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Julio Vázquez Castro. Fotografía de Nicolás Muller do Grove de mediados do século XX cando se poñían as redes de cánabo a secarColección Nicolás Muller - Arquivo da Comunidade de Madrid Un dos momentos máis agardados da visita será "desvelar, despois de máis de 130 anos, o nome dun arquitecto famoso inédito nos lugares mariñeiros que non vai deixar indiferente a ninguén, nin tampouco ao Colexio de Arquitectos nin ao Consello da Cultura Galega". Subliña Francisco Meis que este profesional é coñecido polas súas obras en grandes cidades, polo que descubrir que hai máis dun século, "cando ninguén se achegaba ata esta vila", desenvolveu unha obra no Grove é un gran descubrimento porque "nin sequera as institucións o tiñan rexistrado". Neste sentido, quere recoñecer que a descuberta do nome deste arquitecto é froito das investigacións de Jesús Ángel Sánchez, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago. A ruta rematará nun dos poucos recunchos que conservan o espírito da antiga vila mariñeira, con casas de "máis de douscentos ou trescentos anos, non se sabe", exemplos vivos dun patrimonio que resiste ao tempo. Para Francisco Meis, ante o patrimonio, a sociedade non pode quedar indiferente: "Con estas visitas queremos que a xente tome conciencia. Porque o patrimonio é unha parte emocional dunha historia, dunhas xentes, dunhas xeracións que se perden unha tras outra. Entón, borrar isto é aniquilar parte da túa identidade". Por iso insiste en que "o coñecemento é o primeiro paso para conservar o que somos" nunha vila que nos últimos 50-40 anos perdeu o seu patrimonio mariñeiro. "É importante que a xente do Grove coñeza o pouco que temos, para que o poida conservar e transmitir. Esa é a nosa misión", conclúe. * A ruta ´O Grove descoñecido´ celebrarase coincidindo co Día Mundial do Patrimonio. As persoas interesadas poderán inscribirse totalmente de balde a través do correo electrónico de Apatrigal (apatrigal@gmail.com). Dende a asociación insisten na necesidade de apuntarse, xa que, se por mor do mal tempo houbese a necesidade de aprazar a actividade para unha data posterior, o correo electrónico sería o modo de poder avisar desta incidencia.