Talleres, exposicións e rutas para descubrir o legado de Manuel Moldes

Wait 5 sec.

A Fundación Manuel Moldes, en colaboración co Concello de Pontevedra, reforza o seu papel como alicerce do tecido cultural da cidade cunha serie de actividades pensadas para achegar a arte contemporánea a toda a cidadanía. A iniciativa, presentada este venres, foi cualificada polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, como "unha das colaboracións máis importantes que facemos ao longo do ano", en referencia ao valor educativo e social do programa. Durante a presentación, Gómez tamén destacou o compromiso do Concello de "sacar a arte da academia e evitar que quede reducido a catro eruditos", subliñando que o obxectivo principal da actividade é "que todo o mundo poida gozar da arte contemporánea, coñecer a figura de Manuel Moldes e entender a obra no seu propio contexto". O programa arrinca o sábado 22 de novembro cunha visita ao mural da UNED. A saída será en autobús desde o Conservatorio de Pontevedra ás 12:00 horas e contará coa participación dun profesor de Belas Artes, que explicará a obra. Despois, os asistentes percorrerán distintos puntos da cidade relacionados co mural e coa traxectoria do artista. O 20 de decembro, o espazo cultural Taller Aberto realizará un taller para que os máis pequenos percorran a obra do pintor pontevedrés, descubran o seu estilo e exploren o seu universo creativo. As inscricións poderanse realizar a partir do 10 de decembro a través do Whatsapp. As actividades continuarán o 27 de decembro coa representación da obra Barriga Verde, de Viravolta Monicreques, na sede de Afundación, coa que, en palabras da presidenta da Fundación Manuel Moldes, May Moldes, queren "manter viva a tradición e reivindicar a figura dos monicreques, que están a desaparecer". Ademais, coincidindo co aniversario do falecemento do artista, a Fundación inaugurará a exposición 'Bicos de Cine', que chegará a Pontevedra o 3 de decembro da man de Ramón Rozas. A mostra reúne unha serie de debuxos realizados en 1991 para o Festival de Cine do Carballiño e pertencentes á Filmoteca de Galicia. A exposición enmárcase dentro das actividades dos Premios Feroz e do festival Novos Cinemas.