O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en marcha numerosas actividades para celebrar a Semana da Ciencia e a Tecnoloxía 2025 e o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. O 17 de novembro, científicos da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) visitarán aos estudantes do CEIP Cordo Boullosa e do CEIP A Lama para impartir a charla-taller "O bosque tras o lume". Nela, descubrirán por que os bosques e o ciclo da auga son tan importantes para a vida na Terra, e aprenderán como protexer o solo despois dun incendio. A MBG tamén creou un novo xogo de cartas de mesa chamado "Que praga!". Con el, os xogadores deben coidar o seu campo de cultivo e protexelo de pragas, enfermidades ou secas. Entre risas e estratexias, apréndese sobre plantas como o millo, as coles, a vide ou os piñeiros. O martes 11 de novembro inaugúrase no Multiusos de Arcade a exposición "Os Nosos Castelos: Soutomaior. O castelo e a súa liñaxe", que poderá visitarse até o 2 de decembro. A mostra conta a historia e evolución do castelo de Soutomaior, e vén acompañada dun concurso de debuxo escolar organizado polo Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento. Participa alumnado de Primaria e ESO do CEIP Manuel Padín Truiteiro, Colexio Santiago Apóstol e IES Soutomaior, e ese mesmo día entregaranse os premios. Ademais, haberá talleres para aprender máis sobre historia e patrimonio. Con motivo do Ano Internacional dos Glaciario, a Sociedade de Ciencias de Galicia organiza o concurso de debuxo e relato "Cambio climático: conservación dos glaciario". As obras exporanse entre o 17 e o 21 de novembro no Liceo Casino de Pontevedra, onde o día 21 entregaranse os premios consistentes en bonos para materiais de debuxo e libros. Para pechar o mes, Pontevedra acollerá dúas actividades moi especiais: "Ciencia Joven", o 26 de novembro, onde estudantes de Bacharelato presentarán os seus traballos de investigación. E o 1 de decembro, o coloquio "Cambio climático: conservación dos glaciares", con expertos que explicarán como coidar o noso planeta.