A sede da Xunta de Galicia en Pontevedra convértese este xoves e mañá venres nun punto de encontro para máis de cen profesionais do ámbito social de toda Galicia, que participan nas Xornadas "Protección xurídica da infancia e adolescencia fronte á violencia de xénero: un enfoque integral", tanto de forma presencial como vía streaming. A actividade está organizada pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra - FEMUPO. A apertura oficial correu a cargo de Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, e María Jesús Rodríguez, xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, quen subliñaron a importancia da cooperación institucional e da formación especializada para mellorar a resposta fronte á violencia machista e protexer ás vítimas máis vulnerables. O obxectivo destas xornadas é ofrecer unha visión global e especializada sobre a protección xurídica das vítimas máis novas, abordando o marco normativo, os procedementos de protección e as medidas de intervención desde diferentes perspectivas profesionais. Xornadas Xurídicas FEMUPO Entre as relatoras destacan figuras como Belén Rubido de la Torre, maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra; Paula Blasco Muela, fiscal provincial; Ana Izquierdo Galante, psicóloga clínica especializada en psicoloxía xurídica; así como profesionais do ámbito social e policial como Alba Jorge Ferreiro e Natalia Feijoo Álvarez. Ao longo destas dúas xornadas tratarase o impacto da violencia vicaria, os indicadores de risco, os procedementos administrativos de protección, as garantías procesuais das vítimas menores e a actuación policial e xudicial en casos de violencia de xénero. A actividade está moderada por Ana María Rodríguez Cabaleiro, avogada e experta en violencia de xénero, que destacou a necesidade de fortalecer a formación e coordinación entre profesionais para garantir unha resposta integral e eficaz fronte á violencia exercida contra mulleres e crianzas. O encontro pecharase o xoves 13 de novembro cun acto institucional e a entrega de diplomas, consolidando estas xornadas como un espazo de referencia para o intercambio de coñecemento e boas prácticas en xustiza, igualdade e protección da infancia.