O Museo de Pontevedra volve poñer o foco na creación galega do século XX cunha nova exposición dedicada a un artista apaixonado pola cor: Leopoldo F. Varela (O Porriño, 1929 – Vigo, 2007). A mostra, titulada 'Leopoldo Varela, a forza da cor', inaugúrase este venres no Edificio Castelao e poderá visitarse ata o 11 de xaneiro. Con esta proposta, a Deputación continúa o seu labor de reivindicar os artistas plásticos galegos que marcaron a segunda metade do século pasado, seguindo a liña das exposicións dedicadas a Silverio Rivas, Acisclo Manzano, Rafael Úbeda, Carmen Domínguez ou José Benito Otero Baena. A exposición percorre a traxectoria dun creador autodidacta que fixo do expresionismo cromático a súa linguaxe persoal. Desde os anos setenta ata os seus últimos traballos, as obras de Varela amosan unha evolución constante e unha procura incesante pola forza da cor e da materia. O público poderá gozar, ademais, de pezas nunca antes expostas, como as pertencentes á serie "El Invento", na que o pintor estampaba papel sobre cristal impregnado en óleo, ou varias augadas cheas de experimentación e liberdade. Durante a presentación, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou o compromiso do Museo con "reivindicar o noso", lembrando que é tan importante atender á arte internacional como dar visibilidade á creación galega, "que nos define como cultura". A comisaria da mostra, Beatriz de San Ildefonso, acompañada pola directora do Museo, Ángeles Tilve, explicou que Leopoldo Varela iniciou a súa carreira nos anos 50 coa acuarela, técnica coa que se deu a coñecer no Foto Club de Vigo en 1954 e pola que obtivo unha medalla de prata na Bienal de Arte de Pontevedra de 1972. A comezos dos setenta o óleo converteuse no seu medio principal e achegouse aos postulados da Escola de Madrid, con influencias do cubismo e do fauvismo, interpretando a realidade con frescura e alegría. Instalado en Vigo, foi parte activa do ambiente artístico e expuxo en Galicia, Madrid e tamén fóra do país. A finais desa década, Varela rompe cos modelos da Escola de Madrid e dá paso a un estilo propio e profundamente expresivo, no que a cor e a textura se converten nas verdadeiras protagonistas. "Non pintaba, modelaba o pigmento", di a comisaria, "ás veces aplicándoo cos dedos para captar a esencia da paisaxe galega". O escritor Eduardo Blanco Amor definiuno así: "Ti na pintura sacas a flor da terra o que non vemos os demais." Nos anos noventa, a súa curiosidade levouno a experimentar aínda máis coa materia, creando pezas nas que a cor parece respirar por si soa. En 'El Invento' ou nas súas augadas, Varela deixouse levar pola intuición e pola atmosfera, seguindo o espírito de Turner, un dos seus grandes referentes. [galleries:vertical:10849]