A nosa asociación acaba de ser coñecedora de que na Xunta de Persoal que tivo lugar o pasado venres 3 de novembro, o Xefe Territorial de Educación, ao preguntárselle pola nosa situación respondeu que a única solución existente é que todos os centros educativos se poñan dacordo para modificar os horarios porque, senón, Mobilidade non permitirá que se lle cambie o horario ao CEIP de Rubiáns. Polo tanto, é cuestión de que todos os centros se poñan dacordo. So así Mobilidade dará o OK. Daquela preguntámonos para que son os tres autobuses a maiores? Ante esta declaración de intencións, a nosa comunidade educativa síntese ignorada, ninguneada, maltratada e estafada. Volvemos ao punto de partida. Só que nesta ocasión quédanos claro que as declaracións públicas do PP dicindo que só se sopesaba o horario de chegada do alumnado ao centro eran mentira. Así coma tamén nos mentiu a Directora Territorial de Presidencia cando, ao reunírnos con ela hai uns días, nos indicou que a opción de modificar os horarios doutros centros xa quedaba descartada. A que están xogando? O que están poñendo en xogo é a saúde das nosas nenas e nenos, e o o día a día das familias que formamos a comunidade educativa non só do CEIP de Rubiáns, senón, de ser certo o que dixo o Xefe Territorial, dos Centros de ensino de Vilagarcía. Pola nosa banda, dende a ANPA Casanova solicitamos unha reunión URXENTE con Educación, para poñer a situación enriba da mesa e darlle entre todas e todos unha solución. Non poden estar mareándonos e ninguneándonos do xeito que o están a facer, con xuntanzas non frutíferas nas que nos din unha cousa mentres que noutros organismos manifestan o contrario. Non tiveron a deferencia nin de vir a Vilagarcía, nin de contestar ás nosas peticións de xuntanza, nin tan sequera coma no caso de Educación, levantar o teléfono aínda que sexa e ter unha conversa con nós. Non nos valen máis mentiras ou argumentacións que non hai por onde collelas. Non entendemos porqué nos pregos da futura licitación aparecen 3 autobuses a maiores para Vilagarcía, o que nos fai sospeitar que non hai comunicación entre Educación e Mobilidade. Esixímoslle á Consellería de Educación, que nestes momento é quen nos representa, unha xuntanza urxente para aclarar que é o que está pasando. Así coma que se nos atenda e se nos escoite, é un dereito que coma cidadás e cidadáns temos. É indignante e incríbel que unha situación ben doada de arranxar sega enquistada e sen polo visto intención algunha de darlle solución por parte das persoas responsábeis para elo. Temos constancia de Centros de Ensino que se atopaban en casos similares pero de maior complicación que foron resoltos. Por que no caso do CEIP de Rubiáns non? Existe algún tipo de interese para que non se modifique? A adxudicación dos horarios escolares en Galiza son competencia da Consellería de Educación e dos Centros de Ensino. Polo tanto a eles lles corresponde designalos. O noso centro ten un horario aprobado polo Consello Escolar que non están respectando. Non pode depender de Mobilidade a súa designación. Non podemos aceptar que nos impoñan un horario dende unha Consellería na que a súa representante nos afirmou que lle dá igual a saúde das nosas crianzas porque iso eles non o teñen en conta. Non pode depender un centro público dunha empresa privada. Dende a ANPA Casanova do CEIP de Rubiáns pedimos unha rectificación do Xefe Territorial de Educación. Dende a nosa asociación vimos de presentar un escrito no rexistro esixíndolle que nos reciba dunha vez por todas de xeito urxente e, de non darse, esixímoslle ao Sr. Rueda que se estas persoas non son válidas para desenvolver o seu traballo, poña no seu lugar a uns interlocutores que dean solución a unha situación que dende todos os sectores se está a recoñecer que prexudica a saúde das nosas fillas e fillos e a conciliación das nosas familias.