Raúl Bergua fai historia en Polonia para o Bádminton Ravachol

Wait 5 sec.

Barreira derrubada para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra. Raúl Bergua fixo historia para a entidade pontevedresa ao conseguir o primeiro título internacional júnior do club. Logrouno no Polish Junior International celebrado entre o 7 e o 9 de novembro na localidade polaca de Białystok, un torneo incluído no circuíto europeo da categoría. O pontevedrés completou un torneo sobresaliente empezando xa cun sólido triunfo en primeira rolda contra o polaco Dawid Serafin (21-9, 21-8). Despois chegarían vitorias ante o tamén local Pawel Paulewicz (21-7, 21-10), o kazako Arnur Tapishev (21-6, 21-1) e o lituano Rokas Lesinskas (21-10, 21-17) para plantarse en semifinais. Nesa rolda chegou o duelo máis exixente, contra o estoniano Marti Joost, necesitando de tres duros sets para avanzar á gran final (21-13, 19-21, 21-11). No partido polo título Raúl Bergua mediuse a outro xogador español, Yaidel Gil, ao que venceu en dúas mangas por 21-11 e 21-12. Con este resultado, Bergua ascende ao posto número 30 do ranking mundial junior, consolidándose como unha das grandes promesas do bádminton galego, español e europeo. Segundo o director deportivo do club, Jesús Pereiro, o seu xogador "estivo sobresaliente, e trae a casa un título internacional que nos fai moitísima ilusión a todos", e é que "demostra que seguimos no bo camiño, traballando ben desde a base e coa ilusión de continuar na elite do bádminton nacional e internacional".