Pontevedra viviu este sábado 15 de novembro unha noite máxica coa estrea de Nymeria, a nova creación da compañía Pablo Méndez Performances.O Auditorio Sede Afundación encheuse ata a última butaca para asistir ao despegamento desta proposta inmersiva que combina teatro visual, circo contemporáneo e tecnoloxía escénica de vangarda. No propio programa da estrea fixouse a apertura de portas ás 19:00 horas, co inicio da viaxe ao universo de Nymeria ás 19:30 no hall do Auditorio, un recibimento deseñado para que o público comezase a integrarse na experiencia dende o primeiro minuto. Ao longo do acto púidose ver a diversas personalidades do ámbito político, dos medios de comunicación e da contorna dixital, que non quixeron perder este lanzamento. Entre as autoridades que confirmaron asistencia estiveron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; o xefe do servizo de Cultura e Festas do Concello, José Luis Sarandeses; e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Estrea de 'Nymeria'Cristina Saiz Tamén destacou a ampla representación do mundo televisivo e de creadores de contido, con profesionais como Diana Nogueira, Manuel San Martín, María Taboada, Cristina Maró, Paula Muradas, Ilda Sobrino, Adriana @adriana_sofaymanta, Fabiola Fernández @fabiolafernandez.r, Ricardo Saavedra, Raquel Atanes, Xaquín Ameixeiras, Mozos de Arousa e Patri Santamaría @Lacasitadelapa. Dende o primeiro intre, o público converteuse en tripulación dun transbordador espacial que o conduciu a través de mundos fantásticos, nunha viaxe chea de humor, emoción e beleza visual. Con proxeccións en 3D, un abraiante show de drones e unha escenografía futurista, Nymeria ofreceu unha experiencia sensorial única que fascinou tanto a nenos como a adultos. A ovación final selou unha noite de éxito absoluto para a compañía pontevedresa, que colgou o cartel de sold out dúas semanas antes da estrea. Ante a gran demanda, Pablo Méndez Performances anuncia unha segunda función este domingo 16 de novembro ás 18:00 horas no mesmo auditorio. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles en ataquilla.com [galleries:vertical:10850]